Música, humor e actividades para o público familiar na programación cultural do Concello de Fene

Música, humor e actividades para o público familiar na programación cultural do Concello de Fene
A artista coruñesa Sés pechará cun concerto o ciclo dedicado ao Día da Patria Galega

Fene converterase nos vindeiros meses nun polo de atracción para o público interesado de gozar, preto da casa, de diferentes propostas culturais. Música, monólogos e propostas dirixidas ao público familiar forman parte da programación deseñada desde a Concellería de Cultura que dirixe o edil Justo Ardá.


Así, durante o mes de maio, a Biblioteca Municipal será o escenario dunha serie de propostas destinadas especialmente aos nenos e ás súas familias.


A primeira delas terá lugar o mércores 2 de maio e correrá a cargo do popular Paco Cerdeira co seu espectáculo “Pakolas en concerto”. Ofrecerá as súas “cancións para rockear, para soñar, para non parar de mover o esqueleto e tamén, sobre todo, para aprender”, tal e como informa o Concello.


O mércores 9 será a quenda para dous músicos da casa, os feneses Bellón&Maceiras, que desta volta ofrecerán un concerto dirixido especialmente aos nenos e ás nenas para achegalos aos instrumentos e ritmos autóctonos. Daniel Bellón e Diego Maceiras tentarán tamén a través da súa proposta involucralos coa súa música e animalos a coñecer algo máis da súa cultura.

O ciclo rematará o mércores 16 de maio con Maria Larraitz e os seus “Babacontos con María Moreno”. Neste espectáculo, que emprega as ferramentas da narración oral tradicional, a actriz e contacontos María Larraitz dará a coñecer algunhas das historias do libro “Mar adiante”, así como contos/poemas de “Eu conto, ti cantas…”, da escritora María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

O 18 de maio, a Concellería de Cultura de Fene conmemorará o Día dos Museos no do Humor, cunha cita protagonizada polo actor e monologuista Oswaldo Digón. Fundador da primeira compañía de Teatro de Improvisación de Galicia, traballou como monologuista no programa Luar da TVG e temén ten participado na xira de “Las noches del club de la comedia”, onde compartiu cartel cos humoristas Dani Rovira, Queque e Joaquín Reyes.
Xa de cara ao verán, o goberno fenés adiantará ao día 9 de xullo o inicio das actividades previstas para o Ciclo do Día da Patria Galega, que arrancarán cunha actuación de Circo Chosco (Ariñe Azkue e Óscar Páez) na Praza do alcalde Ramón Souto González, co espectáculo “Forzu2”, no que o humor e o absurdo son os fíos que tecen a trama na que dous atletas se compenetran realizando trucos imposibles diante do público. “Risco, desastre, sorpresa e surrealismo crúzanse coa impecable técnica en forma de portés, acrobacias aéreas, malabares imposibles e lume”, salientan desde a organización.

“O humor dará paso á música”, tal e como apuntan desde o goberno fenés, o martes 10 de xullo. Ese día actuará na Praza do Concello o grupo de rock en galego Ith, que presentará o seu disco “O mínimo que o contén todo”.
Integrada por Miguel (guitarra), Toxo (baixo), Gonzalo (batería), Lucía (voz) e Miguel Folgueira (voz), a súa música amosa influenzas de diversos grupos de rock, do heavy ou do pop, tanto estatal como internacional. A temática das cancións vai desde “a sempre presente reivindicación, necesaria en toda a sociedade, ata o máis puro sentimento e emoción”, como apuntan.

O Ciclo da Patria Galega continuará o xoves 12 de xullo coa xa tradicional Festa da Veciñanza que incluirá unha verbena amenizada pola orquestra Nautilus Band.


O programa concluirá o venres 13 de xullo co concerto de Sés, no que a artista coruñesa presentará o seu quinto traballo “Readmirando a condición”, no que volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro disco “Admirando a condición”, de 2011.

Música, humor e actividades para o público familiar na programación cultural do Concello de Fene

Te puede interesar