“Úneme a Luís Davila unha visión común e unha retranca cotiá e popular do país”

“Úneme a Luís Davila unha visión común e unha retranca cotiá e popular do país”
Diario de Ferrol-2014-04-04-012-28290ec1

Cando apenas hai un mes que Carlos Blanco enchía o teatro Jofre, hoxe fará o propio co Pazo da Cultura de Narón, onde presenta a súa insólita proposta “Menú do día”, espectáculo no que o debuxante Luis Davila pon imaxes ao mundo do humorista.

Como xurdiu a colaboración con Davila? 
Únenos unha visión común e unha retranca cotiá e popular do país, así que inviteino a que puxese imaxes ao que digo, a crear un espectáculo simultáneo que penso que non se viu en ningures. A proposta está gustando tanto que despois de Galicia verase en España e incluso daremos o salto a Londres e Lisboa.

Que verá hoxe o público? 
Algo moi traballado pero tamén con espazo para a improvisación. Trátase dun concepto moi visual, no que Luís me sigue a min e outras veces son eu quen o sigo a el, onde ata cantamos e bailamos. A música é moi importante e aí nos axudaron Budiño e Kepa Junquera. Ata onde se escoita unha coral polifónica con xente como Uxía, Mónica de Nut, Xabier Díaz, etc. A música sempre é clave nos meus espectáculos. Logo, eu fago o típico “stand up”, o monólogo humorístico de agora, pero tamén conto historias tradicionais, ao noso xeito, algo que a Luís e a min nos serve para xogarmos co ritmo.
Semella moi contento co resultado que está a ter este “Menú do día”? 
É curioso que a estas alturas descubra un formato con tantas posibilidades. De feito pensamos facer unha xira moi ampla que, como comentei, nos levará ao estranxeiro porque o ano pasado en Londres enchín dous días seguidos nun teatro, iso si, con galegos, que hai alí máis que en Narón. Este é un espectáculo novo en tódolos sentidos. Ademais en verán pensamos que ata se pode facer en exteriores. Imaxina as proxeccións na fachada do Concello de Ferrol ou, aínda máis contundente, contra as ruínas de Ferrol Vello! n

“Úneme a Luís Davila unha visión común e unha retranca cotiá e popular do país”

Te puede interesar