“Unha zona como Ferrolterra pódese dicir que está hoxe ao nivel da posguerra ”

“Unha zona como Ferrolterra pódese dicir que está hoxe ao nivel da posguerra ”
Compromiso por Galicia Paulo Carlos López

Paulo Carlos López, (Bergondo, 1985), concorrerá ás eleccións europeas do vindeiro 25 de maio con Coalición por Europa, ocupando o sexto posto na lista integrada por persoas de cinco forzas políticas, entre elas o PNV, CIU e Coalición Canaria. Nas Primarias celebradas por CxG foi elixido o candidato do partido con case o 50% do respaldo dos militantes e simpatizantes. Xornalista e politólogo de profesión, encara o proceso tras unha década militando no galeguismo e implicado en movementos estudantís e veciñais. Onte celebrou o seu primeiro acto de campaña nas Pontes –vila onde CxG ten unha concelleira, Jéssica Fernández–, acompañado, entre outros, polo secretario xeral da formación, Xoán Bascuas.

En que consiste o acordo con Compromiso por Europa para as Europeas?
A formación ten tres eurodeputados e nós temos un acordo mediante o cal se sacamos tres escanos, poderemos optar a un rotatorio. Por iso temos que incidir en que a participación sexa importante. A xente tende a dar máis importancia ás eleccións que máis preto lle tocan: as municipais e as autonómicas, pero hai que ter en conta que aínda que Estransburgo e Bruxelas quedan moi lonxe, as súas políticas tócannos moi de preto.

Os niveis de abstención poden xogar moi en contra...
Parece que tanto o PP como o PSOE non queren que se saiba que hai eleccións porque son conscientes de que unha participación elevada provocará o fin do bipartidismo. A maiores, o perfil baixo do candidato do PP –Miguel Arias Cañete– e do seu programa, sumado ao feito de que aguantasen ata o último momento para dar a coñecer ao seu candidato, deixa ver que queren que non haxa moita participación nas europeas.

Que análise fan da situación que atravesa actualmente esta comarca, especialmente castigada polo desemprego?
Unha zona como Ferrolterra pódese dicir que está hoxe ao nivel da posguerra. Precisa dun plan de reactivación económica nas administracións e axudas da UE. Hai que sentar as bases que levan á diversificación económica e acadar que nos deixen construír barcos, garantindo o levantamento do veto á construción naval civil e o prometido dique flotante. Que haxa  carga de traballo só pode vir dun presidente da Xunta que actúe como tal. Ten moito que ver con Bruxelas pero tamén coa capacidade de Núñez Feijóo, que hoxe vese que é nula.

Que lles dirían a aqueles que apelan ao voto útil?
Está acreditado que non existe voto máis inútil que votar a forzas que levan facendo o inútil tantos anos. Nós cremos que cando menos teremos dous ou tres eurodeputados e co acordo asinado podemos introducir as demandas de Ferrol sen ningún tipo de veto. Galicia terá voz na UE a través de CxG.

Servirán estas eleccións europeas para preparar o camiño a CxG de cara ás municipais do vindeiro ano?
As europeas son un primeiro tempo das municipais, que nos deixarán ver como está a organización e falar de transparencia e dos concellos que queremos, cun discurso achegado á veciñanza. O Obxectivo é aproveitar estas eleccións para vender marca, referentes e compromiso. n

“Unha zona como Ferrolterra pódese dicir que está hoxe ao nivel da posguerra ”

Te puede interesar