A Xunta lembra a Sixto Seco cun premio adicado aos promotores culturais

sixto seco /
|

A Consellería de Cultura da Xunta vén de anunciar os premios “Emprende Gaiás-Sixto Seco”, que homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual mugardés Agustín Sixto Seco (Mehá, 1926- Santiago, 2004). Este fillo de obreiro de Bazán protagonizou un papel clave na medicina galega, sendo un dos traumatólogos máis prestixiosos de España. No ronsel dos médicos humanistas de antano, o seu interese destacou no eido do galegiosmo. Nel participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.
Trala súa morte, e biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volumes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios– forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

aposta pola creatividade
Para lembrar o papel do intelectual, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha os premios “Emprende Gaiás-Sixto Seco”, concurso de ideas e proxectos innovadores co que dar apoio aos emprendedores e dinamizar as industrias culturais de Galicia.
Promovidos pola Cidade da Cultura de Galicia, os premios “Emprende Gaiás-Sixto Seco” buscan poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais artelladas en tres modalidades: aplicacións informáticas ou proxectos culturais en internet, proxectos na área do deseño e na área da xestión cultural.
O premio en cada unha das modalidades será a incorporación gratuíta e durante doce meses ao espazo de coworking “Emprende Cultura Gaiás” da Cidade da Cultura, a asistencia con todos os gastos pagados ao Zinc Shower, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España; e apoio, asesoramento e formación por parte da Agadic durante os primeiros pasos da empresa.
Os interesados poderán presentar os seus proxectos antes do 23 de novembro na Fundación Cidade da Cultura de Galicia tal e como se establecen nas bases. O nome dos gañadores daranse a coñecer o 20 de decembro. n

A Xunta lembra a Sixto Seco cun premio adicado aos promotores culturais