As Pontes e Xestoso xa están a traballar nas súas respectivas feiras do grelo do mes de febreiro

imaxe da cita pontesa j.m.
|

O Concello das Pontes está xa a traballar na preparación da que será a XXXII Feira do Grelo do 10 de febreiro. Nesta ocasión, queren darlle unha volta ao menú tradicional desta cita, como é o cocido. Así, apostarase por unha proposta gastronómica máis elaborada, con máis pratos, e na que, ademáis do grelo, os produtos da zona terán un gran protagonismo. Servirase como entrante un consomé de cocido para continuar cun queixo tenro da Faeira con confeitura de grelos.

Como prato forte, o menú do Grelo 2013 contará cunha potaxe de grelos, onde tampouco faltarán os garabanzos e os chourizos e, xa de postre, os freixós deixarán paso ás tamén típicas orellas de Antroido con zucre. Para regar este menú haberá viños do país e auga mineral. Dende a Concellería de Cultura anunciaron que está previsto incrementar o prezo da degustación para cubrir parte do seu custo, e así aumentarase o prezo dos tickets que se porán á venda, como é tradicional, na mesma xornada da feira.

Antes que Nas Pontes, o día 3 de febreiro, será a parroquia de Val de Xestoso en Monfero a que organice a súa XIV Feira do Grelo, que xa ten programa. Así a actividades comezará ás 10.00 horas con exposicións de maquinaria agrícola, postos de venda de grelos e produtos do campo.

Haberá premios para as mellores madas e o alcalde de Monfero, Benjamín Rodríguez, lerá o pregón. Non faltará unha degustación de carne de porco, grelos e queixo con membrillo e música a cargo do grupo Bumerang.

As Pontes e Xestoso xa están a traballar nas súas respectivas feiras do grelo do mes de febreiro