O Centro Dramático Galego regresa hoxe ás 20.00 horas ao Pazo da Cultura de Narón coa súa nova proposta, “Xardín Suspenso”. A montaxe que dirixe Cándido Pazó a partir da obra de Abel Neves, referente da actual dramaturxia portuguesa, está protagonizada por César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos.
A súa protagonista é Melania Cruz (Il Maquinario Teatro, “A Esmorga”), que fai o papel de Lucía, que se enfronta ao seu antigo mozo Mateo (Santi Romay), por romper a promesa xuvenil de amor eterno. Para Cruz “é unha historia moi potente que fala da reacción radical dunha muller que deixa de alimentarse cando a promesa de amor que lle fixeron se rompe. Hai unha loita entre o seu idealismo non superado e o pragmatismo do seu antigo mozo, Mateo, insertado no mundo real”.
Asegura a actriz: “A pesar das apariencias non é un drama monolítico. Para min é unha sorte traballar nunha obra como esta na que hai tristeza, pero tamén hai risa e un laberinto de emocións que te removen por dentro. Hai situacións dramáticas pero outras ridículas e un conflicto en parálise ao que fai referencia o título. Como a vida mesma, vaia”.
En canto á experiencia de traballar no CDG, Melania Cruz destaca “a química entre o equipo e o director, Cándido Pazó, que se nota no resultado final”, así como o bo resultado que está a ter a súa representación. “É unha fábula sobre a razón e o idealismo que está a gustar moito entre a xente nova, sobre todo as adolescentes”, conclúe.