“Coa crise é necesario buscar novos espazos e propostas”

“Coa crise é necesario buscar novos espazos e propostas”
Copia de Diario de Ferrol-2014-05-28-016-3e914e9e

A cantante Coraline Yap-Chine deixou hai tempo Francia e ten unhas raíces ben fincadas en Galicia. Unha das voces de referencia no panorama galego na renovación do jazz regresa a Ferrol, terra que coñece bastante ben. Mañá estará ás 20.00 horas como dúo co pianista ferrolán Pablo Seoane no espazo coworking Estudio Abierto (María, 90), con entradas a un prezo de 5 euros, no primeiro concerto que organiza esta cooperativa creativa. O venres repetirá ás 22.30 horas na sala Súper 8 (5 euros anticipada e 6 en taquilla) pero co seu novo cuarteto, sumándose a ela e a Pablo Seoane o contrabaixista Juan Cañada e o baterista Luís Lar.

Regresa a Ferrol, unha terra que coñece ben, con algunhas novidades.
Si, veño aquí desde os 10 anos e teño moita relación coa cidade, incluso familiar. Aquí vive unha tía miña. Esta visita é moi especial porque presentamos un novo formato para tocar, o noso cuarteto. Levo con Pablo Seoane, que é de Ferrol, dous años e decidimos ampliar a cuarteto co baterista Luís Lar e o contrabaixista Juan Cañada. Despois de Ferrol continuaremos por outras cidades galegas.

Nova formación e novo repertorio?
Apostamos por un jazz americano clásico pero non especificamente un repertorio de standars. Dámoslle unha volta a pezas instrumentais e incluímos temas de artistas que nos gustan moito como Bill Evans ou o propio Cole Porter.

Vostede, ademais de ser xestora cultural leva en Santiago un espazo de coworking. Están aparecendo novos lugares para a mostra creativa?
En parte é consecuencia da crise, novas propostas artísticas e novos espazos onde presentalas. Este tipo de lugares poden funcionar moi ben no contexto actual. Son íntimos e vai xente moi receptiva e interesada polas novidades.

Falando de creatividade, haberá disco pronto con este novo cuarteto?  
Antes do disco quixemos facer algo diferente, así que estamos rematando o filme musical “Coralie Yap-Chine: A charm of spring”, dirixido por Delio Sánchez, un gran artista, moi curioso, co que hai tempo que quería facer algo. O título do traballo vén dunha peza de Bill Evans e o que fixemos foi recoller o espectáculo que facemos en directo, unha especie de carta de presentación. A película está en fase de postprodución e a piques de presentarse.

Despois de dous anos de traballo con Pablo Seoane, que pode dicir deste pianista?  
Que é unha marabilla de músico e compositor. Ademais do noso proxecto fai outras cousas moi interesantes. Por exemplo acaba de presentar hai pouco o seu terceiro traballo discográfico, “Inópia”, co seu propio trío.

“Coa crise é necesario buscar novos espazos e propostas”

Te puede interesar