“O que está pasando non é política, é marketing político”

“O que está pasando non é política, é marketing político”
Jose Luis Prieto y Touriñan en el Pazo da Cultura de Narón

Cinco días despois da exitosa estrea no Pazo da Cultura o pasado día 25 da obra “2021: Unha odisea na terra” que escribiu e dirixiu para os alumnos da Escola de Actores e Actrices de Narón, un proxecto que por certo lle deixou moi bo sabor de boca –“había tempo que non tiña unha experiencia tan agradable, nin no eido profeional nin no contacto cos actores e con todo o proceso e persoal da escola”, comenta– José Luis Prieto recibía outra importante nova, procedente neste caso dos seus colegas de profesión: a súa nominación para os XX Premios de Teatro María Casares nos apartados de autor e director pola súa obra Presidente.
A comedia satíria sobre política foi estreada o pasado setembro da man da compañía, tamén naronesa, Teatro do Morcego. A peza enmárcase no contexto actual aínda que está baseada “en feitos inventados”, puntualiza o creador. No medio dunha campaña electoral, o presidente en funcións e candidato á reelección polo seu partido, ocúrreselle a táctica de ir visitar á xente ás súas casas para buscar o voto directamente. “Na obra todo o mundo está enfrascado na loita polo poder e non se menciona en ningún momento os problemas da xente; todo está enmarcado nunha campaña de marketing máis que nunha campaña política, e isto tampouco se afasta tanto da realidade. Esto que está pasando realmente non é política, é marketing político”, comenta o dramaturgo naronés. 

gala de entrega
Como todos os demais finalistas nas diferentes categorías, Prieto terá que agardar ao vindeiro día 30 para coñecer a resolución duns galardóns que serán entregados no decurso dunha gala a celebrar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. “Os premios xa sabemos que teñen un componente subxectivo, pero aquí vota a profesión e se a profesión dedice que debes estar nominado, mellor”, salienta. Con varios premios no peto como autor (entre eles o MAX ou o propio María Casares), esta é a súa primeira nominación como director. Chégalle ademais nun momento de moito traballo, aínda que iso si, peor remunerado que anos atrás. 
Supón que igual que está a suceder en todos os ámbitos. “O teatro, a nivel de creatividade, segue a gozar de boa saúde, segue habendo moita xente con moito talento, grandes actores, directores, autores, pero hai talento. Agora, a nivel profesional, isto retrocedeu moito nos últimos anos. Reduciuse moitísimo o número de funcións e hai que traballar moito máis que antes para cobrar menos”. Recoñece a aposta que Narón vén desenvolvendo desde hai máis de dúas décadas polas artes escénicas e isto, di, ao final cala na xente e se nota moitísimo. “O que pasa en Narón a nivel teatral non ocorre noutro lugar de Galicia”, di. Xunto ao teatro, a música ocupa tamén desde hai un ano parte da axenda de Prieto, xunto ao seu grupo Auténticos Farsantes. “É unmha experiencia da que estou moi cotento”, conclúe. n

“O que está pasando non é política, é marketing político”

Te puede interesar