O medio século de vida de “Memorias dun neno labrego” chega á cidade

O medio século de vida de “Memorias dun neno labrego” chega á cidade
Imaxe da exposición que se amosa ó público no Centro Cultural Carvalho Calero ata o día 20 d.a.

Xosé Neira Vilas (Gres, Pontevedra, 1928) publicou “Memorias dun neno labrego” en Bos Aires, en xaneiro de 1961, na editorial Follas Novas, que el mesmo fundara coa súa dona Anisia Miranda, con ilustracións de Luís Seoane. Máis de médio século despois, a conmocionante historia de Balbino, as súas desventuras de rapaz criado na miseria económica e moral que acaba marchando buscar a vida e a liberdade fóra da casa, son un fito na historia da literatura galega. Imprimíronse máis de 600.000 exemplares en linguas como o castelán, o éuscaro, o catalán, o asturiano, o francés, o inglés, o alemán, o sueco, o búlgaro ou o ruso, entre outros. Foi a orixe de documentais, de guións para longametraxes e para series de televisión e para obras teatrais. “Con ‘Memorias dun neno labrego’ nace a literatura galega para nenos e adolescentes”, escribe Valentín García Gómez, na actualidade secretario xeral de Política Lingüística.
A biografía de Neira Vilas, o proceso de escrita de “Memorias dun neno labrego” e toda a produción cultural e incluso sociolóxica que deu de si nestas décadas forman parte dunha exposición que conmemora o 50 aniversario da súa publicación e que desde hai varios meses rota por distintos concellos galegos. No Centro Cultural Carvalho Calero, en Ferrol, estará ata o día 20, e pode visitarse de dez da mañá a dúas da tarde e de cinco a oito. A actividade ten tamén unha vertente para os nenos, e así, o venres 19, ás doce do mediodía, haberá unha charla-coloquios de alumnos de Bacharelato e de 4º da ESO co propio Neira Vilas.
A exposición inclúe ademais, no seu catálogo, a “Carta a Balbino”, que Neira Vilas escribiu medio século despois, xa de volta en Galicia da aventura da emigración, e na que afirma que “o esencial está como estaba. Permanece”. Por iso, asegura, “os Balbinos de hoxe, inda que en xeral teñen mellor mantenza e mellor escola, visten mellor, non tripan lama, e os máis deles andan en coche, seguen lendo as túas ‘memorias’, e cando se lles vai algo, falan co pai ou co avó e deseguida volven ao rego”.

O medio século de vida de “Memorias dun neno labrego” chega á cidade

Te puede interesar