Unha vintena de artistas locais compiten nos Premios Galegos da Música

Unha vintena de artistas locais compiten nos Premios Galegos  da Música
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-daa45274

A asociación Músicos ao Vivo, que reúne a case 600 intérpretes, está mergullada na actualidade na organización dos I Premios Galegos da Música. Trátase dunha iniciativa novidosa que intenta “potenciar a visibilidade da creación musical galega e trata de encher o baleiro actual para prestixiar cara a opinión pública as músicas que se fan no país”, destaca Marián Fernández, portavoz da entidade. Os galardóns teñen “vocación universal e aberta, poden participar músicos que canten en galego ou castelán e que vivan en Galicia e fóra. O que se intenta é dar presenza á música dos nosos creadores”, sinala Fernández.   
O certame, que celebra a súa gala de entrega de premios no Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo 13 de decembro, inclúe 13 categorías e unha máis adicada a unha traxectoria ou premio honorífico que recaerá no batería de Os Tamara Antonio Cruz Arévalo “Peri”
As distintas categorías do certame, ás que se presentaron máis de 400 proxectos, inclúen pop e indie; rock, blues, funk e soul; metal; hip hop; reggae, ska e mestizaxe; electrónica; música clásica; jazz; música tradicional galega; folque; músicas do mundo; infantil; e finalmente, orquestras de verbena.

desde ferrolterra
Entre os artistas presentes hai unha ampla nómina de creadores de Ferrol e comarca. Así, en jazz está Baldo Martínez; en clásica figuran Simón García e Pablo Galdo; en rock está Víctor Aneiros, Balakandra e Sandford Music Factory; na sección de pop están apuntados Al Vila, El Viejo Caracol, Marcos Mella e Roger de Flor e Os Silvestres; en folque figuran inscritos Bellón Maceiras Quinteto, Grupo Celta de Ortigueira, Os Cempés e o proxecto “A miña primeira Rosalía”. Tamén compoñen a nómina Faltriqueira e Miguel Alonso en Músicas do Mundo e Natural Green en reggae, ska e mestizaxe.
Despois dunha votación aberta a todo o público para a inscrición de candidaturas, onte comezou a quenda exclusiva dos socios de Músicos ao Vivo. Nesta primeira rolda de votacións escolleranse aos tres finalistas de cada categoría. Esta será online e privada a través da web www.premiosgalegosdamusica.com. Os finalistas coñeceranse o 15 de novembro. Nunha segunda e última quenda, os socios e socias de Músicos ao Vivo escollerán ós premiados e premiadas de entre os tres finalistas de cada categoría. Comunicaranse os gañadores o día da gala dos Premios Galegos da Música, o 13 de decembro de 2013 en Pontevedra.
A organización conta co patrocinio do Concello de Pontevedra, as bodegas Martín Códax e a Consellería de Cultura a través do Agadic. n

Unha vintena de artistas locais compiten nos Premios Galegos da Música

Te puede interesar