A concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, explicará o vindeiro xoves aos comerciantes da cidade o novo plan de dinamización impulsado desde o seu departamento. Trátase dun programa extenso de avaliación, formación e acompañamento que xa estaba previsto antes da crise do coronavirus e que, de feito, dera os seus primeiros pasos.
A situación despois da paralización económica e das medidas de distanciamento que van imperar nos vindeiros meses refixo esta iniciativa desde a base. Moitos dos contidos formativos pasan a centrarse agora en aspectos vencellados coa comercialización non presencial, aproveitando ao máximo posible as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación.
Os comerciantes interesados en participar nesta videoconferencia do día 18, na que se explicarán os detalles do programa, deben solicitalo a través do correo electrónico emprego@ferrol.es.
Este programa ten como obxectivo mellorar a competitividade do sector, dándolle ferramentas para situarse fronte ás dificultades consecuencia da crise sanitaria, social e económica. A adecuación do producto ao público obxectivo, a eficiencia nos procesos, a eficacia nos sistemas de control e xestión e a mellora na comercialización forman parte dunha estrutura por fases que inclúe diagnose, formación e posterior acompañamento.
On-line
As variacións máis relevantes teñen que ver cos contidos formativos. As súas temáticas incluirán a mellora nas redes sociais, a preparación do negocio para atendelo por calquera canle, os medios para idear promocións que atraian clientes, as promocións conxuntas, as solucións ás necesidades financeiras, a venda en liña, o coñecemento do cliente para mellorar a súa experiencia, a venda consultiva e o escaparatismo on-line.
O seguemento individualizado da última fase inclúe a presenza dun mentor, que actuará como guía para dar resposta a dúbidas e solucionar problemas.