Val Xestoso celebra a Feira do Grelo coa campaña a piques de comezar

Val Xestoso celebra a Feira do Grelo coa campaña a piques de comezar
imaxe dunha pasada edición da feira do grelo de xestoso, que se celebra no canedo l.p.

Val Xestoso celebra este domingo a décimo cuarta edición da Feira do Grelo, un produto moi aprezado na cociña galega polas peculiares características que lle outorga o clima de Monfero. Este ano, en que os días grandes do Entroido coinciden moi cedo en febreiro, a festa chega coa campaña aínda nos seus comezos. Así, é difícil asegurar se vai ser un bo ou un mal ano para a colleita, xa que o punto óptimo para esta berza chegará a mediados de mes, aproximadamente. Porén, o abastacemento de grelos para a festa no campo do Canedo está máis que asegurada, afirman desde a cooperativa Val Xestoso.

“Ata o de agora, pouco comercializamos”, explica Alexandre Dafonte, xerente da entidade organizadora. “A meteoroloxía que queremos é que non xee moito e que faga sol, para que o grelo medre”, apunta.

A festa no lugar do Canedo, baixo carpa, comezará ás dez da mañá, coa benvida ós asistentes e o lanzamento de bombas de palenque. Abrirá entón a exposición de maquinaria agrícola. Media hora despois principiará a mostra e venda de grelos (participarán aproximadamente unha trintena de produtores), así como a doutros alimentos. Amenizará a mañá o grupo folclórico Virxe da Cela.

A entrega de premios ás mellores madas e ás cestas máis xeitosas está prevista para as doce do mediodía e, unha hora despois, será o pregón da feira, a cargo do alcalde de Monfero, Benjamín Rodríguez.

A prédica do edil dará paso á degustación gastronómica, onde o grelo é a estrela pero non fican atrás o lacón, a costela, a orella ou os chourizos. Como postre a este rotundo xantar ofrecen queixo con marmelo. Un cociñeiro profesional encárgase de elaborar os pratos. Habitualmente sérvense máis dun milleiro de racións, que este ano se despacharán a un prezo de dez euros.

Ás catro da tarde será o momento de bailar. Da música encargarase o grupo Bumeran.

A organización resalta no cartel promocional deste ano o acondicionamento das carpas baixo as que se celebra a feira, equipadas con calefacción para facer fronte ó frío que podería acompañar a xornada.

O grelo de Xestoso véndese directamente na cooperativa e despáchase a restaurantes da zona. Supón un apoio económico ás explotacións agropecuarias. Desde a cooperativa confían en que se poida incrementar o número de granxas que confían neste recurso.

 

Val Xestoso celebra a Feira do Grelo coa campaña a piques de comezar

Te puede interesar