Os autores locais protagonizan a Feira do Libro de Ferrol que se celebra a próxima semana

Os autores locais protagonizan a Feira do Libro de Ferrol que se celebra a próxima semana
Feira do Libro Presentación de Tastarabás de Antón Cortizas

A praza da Constitución, diante da sede de Afundación, volverá acoller a Feira do Libro de Ferrol que se desenvolverá a próxima semana do mércores 22 ao domingo 26 de abril. Un acontecemento que este ano aposta por dar a coñecer os novos traballos de varios autores e autoras de Ferrol e comarca. A cita, que aúna o comercial e o cultural, ábrea o escritor, Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil, Xabier P. Docampo, o mércores 23 ás 18.00 horas.
O narrador lembrará no seu discurso a importancia da figura, literaria e como ferrolán, do escritor de Serantes Juan Farias, a quen inicialmente se lle ía adicar a feira. Esta coincide co día grande desta celebración literaria, o 23 de abril, grazas ao que Ferrol se singulariza dentro das doce cidades galegas que acollerán a Feira do Libro e que este ano se celebra baixo o lema “A historia en letras”, en homenaxe ao polígrafo Xosé Filgueira Valverde, a quen a pesar do mutismo social que está a rodear a simbólica data, se lle adica o Día das Letras Galegas 2015.
A programación foi presentada onte nun acto no Concello coa asistencia do secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Mª Pilar Rodríguez; o presidente da Federación de Libreiros de Ferrolterra, Antonio Martínez; e a concelleira de Educación de Ferrol, Susana Martínez.

sinaturas e presentacións
Na feira estarán boa parte dos autores locais que publicaron libros nos últimos meses.
O xoves 23, por exemplo, Teresa Cameselle presentará o seu premiado “Quimera”, e o venres Xesús Constela fará o propio con “Apoteose das perchas” e Fusa Guillén con “La noche de Samaín”. O sábado estarán cos seus novos traballos Rosa Cal, Juan Pablo Rodríguez, Paula Merlán, Concha Blanco, José Casteleiro e Miguel García, ou o domingo non faltarán Antón Cortizas, do que se fará unha lectura pública de textos seus, ou Henrique Dacosta, entre outros. Tamén estarán Xurxo Souto, Pilar Berrio, Carlos de Vilanova, Sonia Mirón ou Nieves Abarca asinando os seus libros.
Un total de dez casetas –entre libreiros e expositores– participarán nesta nova edición que  volverá contar cunha biblioteca infantil e un punto de información. As actividades programadas, dirixidas a tódolos públicos, tamén inclúen contacontos en linguaxe de signos, obradoiros, ou actuacións musicais. Entre elas, fóra do ámbito literario pero con moita literatura, destaca a II Mostra popular de xadrez do alumnado participante no programa municipal “Xadrez nas Escolas”.

Os autores locais protagonizan a Feira do Libro de Ferrol que se celebra a próxima semana

Te puede interesar