A Editorial Lar (CVII)

A Editorial Lar (CVII)
Ejemplos de artículos en diarios gallegos

Na última entrega, antes deste breve parón de verán, recollía algúns exemplos de artigos ou novas reivindicativas aparecidas ao redor da significada data do 25 de xullo no boletín A Nosa Terra e nos diarios vigueses Galicia e El Pueblo Gallego. Para o resto dos xornais o Día de Galicia non pasara de ser un día máis do calendario anual. Ese ano, por mor das circunstancias, xa non houbera as exhibicións de símbolos patrios, en concellos ou sociedades, como os que se empezaran a ver en anos anteriores e, xa que logo, non había información ningunha que dar ao respecto.
A Nosa Terra, de 1 de setembro de 1924, no editorial “O Día de Galicia”, laíabase de que “Nada novo se fixo este ano. Ao contrario; pol-as circunstancias se non poideron facer algunhas cousas que se fixeran anos anteriores”. Mais, a pesar de todo, informaba de que “As orquestas que tocan nos cafés da Cruña executaron programas de música galega, a petición da Irmandade,e ao final dos concertos o Himno a Galicia”.
Cómpre lembrar que nos primeiros días após o golpe de Estado de Primo de Rivera, coa anuencia do rei Alfonso XIII,  non o esquezamos, o Directorio Nacional prestara atención preferente á elaboración e promulgación dun Real Decreto sobre o separatismo en virtude do cal se establecería “la bandera nacional única y un único idioma oficial que será el castellano”. El Ideal Gallego, de 19 de setembro de 1923, ocupábase do tema no solto “Bajo el nuevo régimen / El decreto sobre el separatismo”:
El Decreto determina las sanciones en que incurrirán los contraventores, según la importancia.
El hecho de tremolar una bandera regional, será castigado con la pena de 500 pesetas a seis años de presidio, según las circunstancias que concurran.
En los edificios públicos no ondearán más banderas que la española, desapareciendo las regionales.
El idioma castellano será el oficial y único que se usará en los centros oficiales, discusiones, comunicados oficiales y actas.
Unicamente en los actos de la vida de relación y convocatoria para reuniones oficiales, podrán ser redactados en castellano u otro idioma regional”.
Quen se ía a expor a colgar bandeiras?
Pero se non podían ser bandeiras poderían ser escolas como a que estaba dando os primeiros pasos -con asistencia de máis de vinte rapaciños- no 1º andar do número 36 da rúa Real coruñesa, vivenda da familia Casal-Miramontes e novo domicilio social da Irmandade, segundo, como xa deixei dito, se le no escrito asinado por Francisco Abelaira, o secretario da mesma, dirixido ao gobernador civil, rexistrado con data de entrada de 24 de xullo de 1924:
“A los efectos consiguientes tengo el honor de comunicar a V.S. que esta Sociedad, ha trasladado su domicilio social a la calle Real número 36 piso 1º”.
Digamos de paso que a ese mesmo enderezo tamén se trasladaron a redacción e a administración d’A Nosa Terra.
E tamén unha empresa editorial, Lar, que, así mesmo, se instalaría na vivenda dos Casal-Miramontes, que comezou a publicitarse nos días previos ao Día de Galicia.
Así, A Nosa Terra de 1º de xullo de 1924 insertaba nunha das súas páxinas o seguinte anuncio:
“Neste mes sairá o primeiro número de / LAR / que pubricará unha novela inédita do grande humorista / Wenceslao Fernández Florez / seguirán quincenalmente orixinales de Armando Cotarelo, Leandro Pita Romero, Francisco Camba, G. López Abente, Manuel Lugrís Freire, Euxenio Carré Aldao, A. Noriega Varela, Anxel del Castillo, Leandro Carré e outros. / Administración. Real 36-1.º”.
Mais aparición pública non puido facerse nese mes, de acordo co anunciado, e a publicidade foi indicando novas datas: “axiña”, “pròiximamente”, “No mes d’Outono”. No número de 1º de novembro ampliouse a información sobre as causas da demora:
“LAR / O moito traballo que ten de cote atafegado ao grande humorista / Wenceslao Fernández Flórez / impediulle hastra o d’agora enviarnos o orixinal prometido para esta nova pubricación quincenal. Rogamos aos nosos suscritores perdoen este retraso. /  Fernández Flórez / avisounos xa que nos enviará axiña unha novela inédita que se titulará / A MIÑA MULLER. / Inmediatamente darémola as caixas a fin de que apareza o antes posibre”.
Finalmente, o recadro publicitario do número seguinte, o do 1º de decembro, xa daba conta da aparición do primeiro número da colección
“LAR / púxose a venda o primeiro número que pubrica a novela inédita / A miña muller / orixinal do formidabre humorista / Wenceslao Fernández Flórez / 30 céntimos”
e anunciaba a saída do segundo número para o día 20 dese mesmo mes
“O número 2 sairá o sábado 20 de Nadal e comprenderá a fermosa novela / O Anarquista / orixinal do notabre escritor / Leandro Pita Romero”.
O primeiro número do boletín irmandiño do ano 1925 dedicaba dous artigos á colección de novelas Lar. Un referido a “O ‘Anarquista’ de Leandro Pita Romero” e o outro á publicación:
“Aparesceu xá esta pubricación galega obra dos nosos irmans Leandro Carré e Anxel Casal.
Cando falamos de “Libredón” no derradeiro número expuxemos o xuicio que nos merece esta crás de pubricaciós tan necesarias e práiticas para o desenrolo da nosa literatura e do noso idioma. E mais ainda cando se trata de algo como “Lar” que vén a ser unha das milloraciñas hasta agora pubricadas. Ademais do labor interesantísimo que siñifica o cumprimento da misión para que foi creado, “Lar” vén a efectuar  algo que xusgamos de gran importancia e trascendencia. Vén a incorporar â literatura galega, en galego, mais nosa pol-o mesmo, as prestixiosas firmas de Fernández Flórez, Paco Camba, Leandro Pita Romero e algún mais. Aparte de que dos consagrados e conoscidos xá no noso idioma conta con unha escollida e numerosa ringleira de colaboradores algúns dos cales enviaron xá orixinás que iranse pubricando.
O porvir que agarda a «Lar» e por ende â nosa literatura non pode ser mais prometedor e satisfaitorio. Que se non malogren, non o creemos, os entusiasmos dos editores e «Lar» desenrolará unha patriótica labor merescente de todol-os aprausos e todal-as axudas”.
A continuación falaba da noveliña de Fernández Flórez e finalizaba cunha liñas dedicadas á ilustración: “Por se todo o dito fose pouco. Camilo Díaz, o gran pintor galego, fixo unha portada que é unha maravilla de gusto artístico e sabor galeguista. Algo propio da sua inimitabre escola sempre tan orixinal e grande. Chama moito a atención e merescen calurosas gabanzas. 
A nosa embora a todos e que o éxito continue en cada número que salla”.
 

A Editorial Lar (CVII)

Te puede interesar