Ana Varela | “A poesía é para mín como un acto de rebeldía e de reflexión”

Ana Varela | “A poesía é para mín como un acto de rebeldía e de reflexión”
Centro Cívico de Canido Presentación del libro de Ana Varela

Para Ana Varela (Narón, 1978) a poesía é “como un acto de rebeldía, de reflexión, que te permite ter un espazo propio e reinterpretar o que te rodea”. É o lugar que lle permite crear, comunicar e que, segundo di, “escapa un pouco a este ritmo frenético que temos nesta sociedade”.

Deste encontro íntimo coas verbas xurdiron ata o de agora dous libros, ámbolos dous premiados. O primeiro foi “Asombrario”, co que en 2017 acadou o Premio Francisco Añón de poesía. Co segundo, “Onde nacen as hedras” –editado por Xerais–, convertiuse o pasado ano na gañadora do VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente.

A autora, licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e que na actualidade traballa como tradutora e intérprete da Administración de Xustiza no TSXG, presentou esta última obra onte no Centro Cívico de Canido.

Presentación

Acompañada por Mario Regueira e Fran Alonso, achegou os detalles dun libro que constitúe, segundo apuntou antes do acto, “unha cartografía da perda e o abandono, da ruína, e tamén do que queda. É testemuña do que foi e do que queda, do que sobreviviu”.

Un tema ao que mira desde diferentes puntos de vista, non só da perda individual, persoal, senón tamén colectiva e social, consecuencia das transformacións do mundo tradicional rural e urbano, de “como abandonamos espazos e xeitos de vida diferentes”, salienta.

Poemas

Faino sen caer nunha excesiva “afectación” e carga dramática, senón a través dunha especie de crónica na que tamén está moi presente a comarca. “Ademais dos aspectos dos cambios de vida tradicional no rural, aparece tamén como telón de fondo o baleirado industrial da cidade como o sector dos estaleiros”, comenta.

Estruturados en catro partes, os poemas “sitúan ao lector no oráculo que todo o ve, desde os sinais que anuncian a primeira fenda até que nos asomamos ao oco, a ruína mesma, onde nacen as hedras”.

Ademais destes dous poemas, a naronesa traduciu ao galego textos de Edgar Allan Poe e contos de Virginia Woolf. Tamén traduciu ao castelán poemas de Antía Otero.

Ana Varela | “A poesía é para mín como un acto de rebeldía e de reflexión”

Te puede interesar