Despois de cinco anos vivindo na Coruña, onde ademais de estudar Comunicación Audiovisual e de formarse en radio, música e interpretación traballou durante un tempo a media xornada para poder vivir de forma independente fóra do núcleo familiar, Brais Breijo (Ferrol, 1986) viuse obrigado, como tantos outros mozos da súa xeración aos que a crise pegou forte, a voltar a San Sadurniño á casa dos seus pais. Pensou entón que quizáis aquel era o momento ideal para facer algo que sempre desexara: “ter a experiencia de vivir noutro país, nunha gran cidade e mellorar o meu inglés”. Escolleu Londres, capital na que aterrou na primavera de 2015. E alí segue na actualidade, compaxinando o seu traballo no catering e na xestión de cociñas nunha cadea de clubes de tenis nos Royal Park con outra actividade máis artística como tenor no Coro da Orquestra Sinfónica de Londres.
Con ela vén de interpretar o Réquiem de Verdi no Linconln Center de Nueva York, nun concerto que espertou os aplausos do público que encheou o auditorio David Geffen, sede habitual da Filharmónica da cidade americana.
Cómo valora a experiencia que está a vivir na Sinfónica londinense?
A miña experiencia no coro da Sinfónica de Londres non é máis que positiva. Ao principio paseino un pouco mal, porque obviamente todo se fala en inglés, e eu ao pouco de chegar descoñecía o vocabulario técnico e andaba sempre algo perdido. Ademais, ao principio, como outros, entrei en probas sen poder ir a concertos, e tiven que pelexar e demostrar que podía estar aí facendo unha segunda audición meses máis tarde despois de meses de ensaios. Creo que está sendo unha escola magnífica, ademais dunha experiencia única, e se alguna vez podo volver a cantar en Galicia no meu antigo coro Gaos, creo que notarán como medrei neste último ano e medio que levo aquí. Todo iso sen a posibilidade de cantar en teatros como o Barbican Centre, sede habitual da Sinfónica de Londres, ou o Lincoln Center de New York, onde estiven o pasado 30 de outubro.
Que supuxo para vostede poder cantar na sede habitual da Filharmónica de Nueva York?
A verdade é que cústame atopar as palabras para exprésalo. Para alguén como min, que estudei audiovisuais e que son cinéfilo a máis non poder , visitar Nueva York foi unha experiencia única. E se por riba o propósito da túa viaxe é ir cantar a un dos teatros máis coñecidos do mundo como é o Lincoln Center, sede da Filharmónica, do Ballet e da Ópera do MET de New York, da man dunha das mellores orquestras sinfónicas como é a de Londres, e pisar as mesmas táboas que artistas como Bob Dylan ou Queen, entre moitos outros, pois non hai moito máis que dicir. Xa só o ambiente e a arquitectura son unha marabilla.
Cando comeza a súa afección e interese pola música e polo teatro?
A miña afección polo mundo da interpretación vén desde que poido recordar. De pequeno sempre dicía que quería ser actor e estudar arte dramática, pero os meus pais intentaron sacarmo da cabeza para que fixese algo “normal”, que deixase o outro só como entretemento. E así estiven varios anos do colexio na Escola de Teatro de San Sadurniño –a onde foi vivir cando tiña dez anos–, con Flor Maceiras como mestra, á que considero a miña nai interpretativa.
E pola música?
O da música é un pouco máis especial, pois eu non teño experiencia nin formación musical previa a tres ou catro anos atrás. No 2013 estaba participando en “As Marxes da Desgraza”, a obra da Deputación da Coruña polas Letras Galegas de Roberto Vidal Bolaño que dirixiu Santiago Cortegoso, e na formación para ela contamos coa escritora e soprano Estíbaliz Espinosa, que nos deu un pequeno curso de voz e de proxección. Facendo exercicios e xogando confesei que me gustaba cantar pero que me aterraba facelo en público, e probando díxome que tiña boa voz e que entoaba ben de forma natural. Espinosa recomendoume buscar a maneira de seguir ese camiño. Así que a miña amiga Carmen Méndez, que actuaba comigo na obra e era violinista na Orquestra Gaos, convenceume para ir facer a proba para o Coro Gaos, que foi o momento da miña vida no que máis vergoña recordo ter pasado. Aínda non me explico moi ben como o seu director, Fernando Briones, se atreveu a darme unha oportunidade. O caso é que a Fernando débolle o estar onde estou agora. Grazas a el e aos meus compañeiros, que me axudaron moitísimo a superarme. O certo é que o Coro Gaos e todos os momentos e concertos que fixemos foron unha das partes máis positivas da miña vida na Coruña, que me axudou moito a gañar confianza en min mesmo, a sentirme realizado cando as portas da interpretación non se abrían tanto como me tivera gustado.
Tes algún novo plan en mente?
Si, para dentro de pouquiño. En decembro, a Orquestra e Coro da Sinfónica iremos cantar “El Niño” de John Adams na Philharmonie de París, e en xaneiro no Barbican de novo, Le Grand Macabre de Ligeti. Tamén teño pensado retomar as clases de canto co actor e cantante de ópera Brendam Weakliam, co que levo case un ano formándome salvo esta temporada desde o verán que pasei en Galicia.
E na interpretación?
O da interpretación é máis complicado. Aínda que estiven este ano como actor de marzo a xuño nunha adaptación de “María de Buenos Aires” de Astor Piazzolla no teatro The Vaults, traballar aquí é complicado no sentido de que necesitas mellorar moito o teu inglés e o acento, e aprender a moverte e onde buscar, xa que a industria é inmensa e hai moita competencia. Pero estou moi satisfeito e son moi positivo con respecto a iso xa que as miñas grandes oportunidades conseguinas aquí, en menos dun ano, que é máis do que podo dicir que conseguín en Galicia polo de agora. Recordo que cando me deron o papel en “María de Buenos Aires”, o produtor mandoume un correo dicíndome que tiña un moi bo currículo e que o traballo era meu, xa que non andaban moi ben de tempo para facer un proceso selectivo longo. Iso foi un shock moi positivo para mín. Cando estaba na Coruña o silencio era a resposta máis habitual cando enviabas o teu currículo ou videobook para cada novo proxecto. Tamén creo que un ten que saber decidir cando lle dín a un que non ou o ignoran por última vez, porque hai moitas cousas que che poden facer feliz de moitas maneiras, ou polo menos ese é o meu caso.
Ten pensado voltar pronto a Galicia?
Sempre penso en volver a Galicia e por suposto que é o meu gran plan final, pero probablemente non o faga polo de agora, aínda que nesta cidade as cousas e os plans cambian constantemente. Estou aprendendo moito de como levar un negocio por exemplo. Agora mesmo traballo nunha cadea de clubes de tenis nos Royal Parks, na parte do cátering, nos que teño a libertade de crear novas receitas e suxerencias, e tamén participo na xestión das cociñas e de ensinar aos meus colegas procesos de organización para optimizar os recursos e as normas de saúde. E adquirín moitas ideas que me gustaría trasladar a Galicia algún día. Pero como digo, polo de agora aínda me queda bastante que aprender e experimentar, e incluso estou pensando en cambiar de continente durante unha tempada despois de coñecer varios colegas aquí que xa o fixeron. n