A primavera enche o barrio de Canido de maios na última xornada de festas

A primavera enche o barrio de Canido de maios na última xornada de festas
Maios en Canido

Un espléndido día de sol contribuíu a que Canido fervese de actividade durante todo o día na xornada central da súa festa dos maios, a máis tradicional do barrio e que ademais nesta ocasión estivo potenciada por tres días previos de actividades. Os veciños sacaron flores e prantas á rúa para decorar fachadas, fiestras e portas e tamén para facer nas beirarrúas construcións vexetais que ían desde as máis tradicionais de forma cónica ata incluso unha Menina, unha guitarra ou unha reivindicación de carga de traballo para o sector naval.
Entre toda esta actividade en torno á flor e ó verde, que impregnaba ademais Canido dun particular olor a florería ó aire libre, desenvolveuse a feira de artesanía, horta e segunda man. Os xardíns da Fenya estaban cheos con postos nos que os veciños poñían á venda material que xa non usan, roupa en bo estado que quedou fóra de talla (moi especialmente de nenos), doces de fabricación caseira e outros obxectos elaborados a man como bolsos tricotados ou colgantes, aneis e outras xoias. A feira comezou xa onte, así que boa parte do material, sobre todo os produtos do campo, xa se despachara. Algúns postos de alimentación (como o de sidra ou un de queixos) non viñeron. Aínda así, podíanse atopar pementos, cebolo ou tomates para plantar todavía ó mediodía.
Os maios atopábanse xa na rúa Alegre. Alí, á altura do número 93, diferentes figuras atraían a atención de tódolos que pasaban. Un pequeno cabalo, un galo e outras construcións tradicionais destacaban xunto cos adornos da fachada da casa, na que estaba escrito con follas verdes “Viva o maio”. Ademais, tamén sacaron á rúa un panel con fotografías nas que daban conta do traballo feito ó respecto desta festa etnográfica nos últimos once anos.
O percorrido de maios seguía ata a praza do Cruceiro, onde estaba instalado un escenario no que houbo concertos ó longo destes catro día de festa e onde onte mesmo actuaron Los Zares na sesión vermú e o Toxos e Froles pola tarde. Tamén alí, pero a pé de rúa, houbo unha moi concorrida exhibición de zumba (disciplina que combina aerobic e baile latino).
Seguindo pola rúa Alonso López, pechada ó tráfico, os maios distribuíanse polas beirarrúas e as casas lucían tamén adornos florais. Ó final, nun toldo da parroquia repartíase comida e bebida a cambio dunha contribución para manter a festa e ubicábase o maio da Fundación Artabria, un Apalpador ó que non lle faltou nin o seu saco de castañas.
O campeiro da rúa Pérez Parallé (onde tamén se ubicaron as atraccións de feira) foi o escenario dun xantar popular antes de despedir a festa con xogos populares, pasarrúas, Toxos e Froles e co peche do mercado. Tampouco faltaron as bombas de palenque, que soaron durante todos estes días.

satisfacción veciñal
A Asociación de Veciños organizou estes catro días de actividades culturais e manifestábase onte contenta co resultado. “Tivemos moito traballo pero quedamos satisfeitos”, comentaba a súa presidenta, Elia Rico Lagarón. “Houbo moita xente e os veciños estaban contentos e dábannos a noraboa”.
O ano que vén repetirán cunhas festas que abrangan máis dun día e que ofreza outras propostas culturais, como fixeron nesta ocasión. Serán actividades “dentro de todo o barrio, nas que todo o mundo se sinta integrado e na que haxa actos para tódolos gustos”, comentou Rico Lagarón.
Teatro do Asteleiro, a coral Alecrín, Os Xotas, a charanga Vai de Baranda, Medulio, Berros do Castro, Boj, a asociación Muíño do Vento, Chiculate, a banda de gaitas Agarimo, o sexteto Tempo Catro, M&M’s, a escola de baile de Mario Escudero, Alén de Ancos, Martí Varela, o Toxos ou Los Zares participaron desde o xoves neste amplo programa festivo. n

A primavera enche o barrio de Canido de maios na última xornada de festas

Te puede interesar