Cultura abre o prazo para que os grupos soliciten os locais de ensaio

|

Os grupos de música interesados en empregar os locais de ensaio do Mercado da Magdalena poden solicitalo no Rexistro Xeral do Concello durante o mes de xaneiro. Entón reunirase a comisión encargada de adxudicar os espazos (formada por un representante de cada grupo municipal) e publicarán unha lista de admitidos e, se a houbera, tamén unha lista de espera.

Os locais de ensaio están a disposición dos grupos de mozos (segundo as bases, teñen preferencia aqueles nos que polo menos a metade dos membros teñen ata trinta anos) de luns a venres, de 17.00 a 22.00 horas; os sábados, de 16.00 a 22.00 horas; e os domingos, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 22.00. As quendas distribúense nun mínimo dunha sesión semanal de dúas horas e media e un máximo de tres sesións. Ademais, para evitar unha excesiva aglomeración, os grupos non poderán superar os seis membros.

Os usuarios dos locais de ensaio terán un carné propio. Segundo informa o Concello, poden beneficiarse do plan de formación e asesoramento que elaborará a empresa xestora deste equipamento, poden gardar o seu material no almacén e tamén teñen a posibilidade de empregar o material dispoñible nestas salas acondicionadas.

Entre as súas obrigas figura a de respectar os horarios asignados a cada grupo, manter limpo o local, non consumir drogas nin comer dentro destes espazos e tampouco poden empregalos con fins lucrativos. As faltas a este regulamento poden ter como consecuencia a perda do dereito ó uso. Tamén se pode revocar a adxudicación se se falta ó ensaio cinco veces ó mes. Ademais, cando o grupo se ausente, debe comunicalo, para que se lle poida ceder a sala a outra formación.

 

obxectivos

Os locais de ensaio da Magdalnea buscan ofrecer á xente nova un espazo “onde poder facer música en conxunto”, tal e como se explica no regulamento aprobado en decembro de 2011, que se pode consultar na páxina web do Concello. Queren impulsar “as actividades de organización, difusión, promoción e especialización dos grupos musicais”.

 

Cultura abre o prazo para que os grupos soliciten os locais de ensaio