Os exames de setembro abren mañá o telón dun novo curso marcado pola implantación da Lomce

Os exames de setembro abren mañá o telón dun novo curso marcado pola implantación da Lomce
Examenes Septiembre en el Concepción Arenal

As vacacións escolares chegan á súa fin. A actividade voltará desde mañá aos centros educativos con motivo do inicio oficial dun novo curso, que chega marcado pola implantación da Lomce (Lei para a mellora da calidade educativa) nos niveis de 1º, 3º e 5º de Primaria e da nova FP Básica.  
Ademais da incorporación dos docentes aos seus postos de traballo, nesta primeira semana de setembro terán lugar os exames correspondentes á convocatoria  extraordinaria. As clases do exercicio 2014/2015 comezarán o día 10 para os alumnos de Educación Infantil, Primaria e Especial, os primeiros, como sempre, en iniciar a actividade lectiva.
Cinco días máis tarde, o 15, farán o propio os de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional. En todos os casos, o curso concluirá o 19 de xuño do vindeiro ano. Entre medias, como é habitual, chegarán os períodos vacacionais como o Nadal –desde o 22 de decembro ata o 7 de xaneiro, ambos inclusive–; o Entroido –16,17 e 18 de febreiro–; e a Semana Santa –desde o 30 de marzo ata o 6 de abril–, aos que haberá que sumar os correspondentes días festivos.
No calendario escolar da Consellería de Educación inclúense así mesmo as conmemoracións que sempre teñen a súa cabida nos colexios e institutos, relacionadas con temas como a violencia de xénero ou os dereitos humanos, os libros, a prensa, a saúde ou o medio ambiente.

reforma educativa
Pero sen dúbida, a gran novidade chega motivada pola implantación da controvertida Lomce, unha lei impulsada polo ministro de Educación José Ignacio Wert e aprobada exclusivamente polo PP. De feito, o rexeitamento do resto da oposición á norma reflectiuse nun pacto en virtude do cal a lei sería derogada en canto houbese un cambio no poder.
Polo de pronto, os alumnos de 1º, 3º e 5º de Primaria serán os primeiros en cursar o novo currículo, entre cuxos cambios se inclúe, por exemplo, a división da materia de Coñecemento do medio en dúas diferentes, a de Ciencias da Natureza e a de Ciencias Sociais.
A pesar disto, moitos centros educativos decidiron non cambiar, para este novo curso, os libros de texto, polo que as dúas novas asignaturas serán impartidas a través do manual empregado nos últimos cursos. Tamén nestes niveis de Primaria introducirase a área de Valores Sociais e Cívicos como alternativa da área de Relixión, pasando a ser as dúas evaluables de cara ao expediente académico.
Ademais, a Lomce establece o desenvolvemento dunha serie de avaliacións en diferentes niveis, unha cuestión que foi moi criticada pola comunidade educativa. A primeira destas probas levarase a cabo ao rematar 3º de Primaria.
Pero desde o seu anuncio hai dous anos, a lei suscitou fortes críticas entre o profesorado, alumnos e familias, por considerar que se trata dunha norma que vai en contra do ensino público, ademais de cualificala de “segregadora, sexista e regresiva”, entre outras cousas.
Ademais, como se lembrará, os centros educativos non puideron coñecer ata mediados do presente mes o contido da orde que regula a implantación da nova lei, xa que foi publicada no DOG o 14 de agosto, en pleno periodo de vacacións do persoal docente.

Os exames de setembro abren mañá o telón dun novo curso marcado pola implantación da Lomce

Te puede interesar