Leandro Lamas será o pregoeiro da Festa do Pan de Neda que se celebra o 6 de setembro

Leandro Lamas será  o pregoeiro da Festa do Pan de Neda  que se celebra  o 6 de setembro
festa do pan neda

Unha das grandes festas gastronómicas de Ferrolterra, nomeada de Interes Turístico de Galicia, é a do Pan de Neda que este ano cumpre a súa XXVII edición. O Concello de Neda preparou para o próximo mes un variado programa de actividades que se reparten entre os días 5 e 6 de setembro no paseo marítimo de Xuvia. A cita celebra ademais cada ano un concurso de carteis ao que este ano se presentaron 11 traballos. Os nomes dos gañadores do concurso do cartaz son Pablo Prados Espeso (Ferro, A Coruña) e Xurxo Lois Ardao Caeiro (Oroso, A Coruña). O premio ten unha cuantía de 200 euros.

xantar popular
En canto á programación, o día 5 haberá unha saída ás 10.00 horas do adro da Igrexia de Santa María para facer a “Ruta dos Muíños” ata a Fervenza. As persoas interesadas teñen tempo para apuntarse na Casa da Cultura ata o xoves 3 de setembro.
 Xa pola noite, levarase a cabo un pequeno festival de música no paseo marítimo de Xuvia coa actuación de Toxo Bravo, o grupo de ska fusión da comarca Tardepiache e, como cabeza de cartel, o veterano septeto vigués Transilvanians, unha formación con media ducia de discos as súas costas que interpreta estilos como o soul, funk, rythm and blues ou ska. O seu repertorio está formado por composicións propias e versións de grupos coma The Skatalites, The Clash ou Georgie Fame.
O domingo 6 será, propiamente o día da Festa do Pan. A actividade no paseo de Xuvia comeza a animarse ás 11.00 horas coa música da Banda de Gaitas Terra de Trasancos. Unha hora despois será a quenda da Charanga Vai de Baile. Para as 13.00 horas está previsto que o popular pintor local Leandro Lamas lea o pregón da festa gastronómica. Despois, haberá unha actuación da veterana banda de pop Los Zares. O xantar popular no paseo (do que aínda non se coñece o menú e o prezo) está previsto que comece ao redor das 13.30 horas.
Ás 16.30, reanúdase a actividade coa actuación da charanga  Vai de Baile, mentres se organizan xogos infantís para os máis pequenos. Contra as seis do serán actuará a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene, e desde as 20.00 horas soará a música de Band´dBolo.
Ao longo do día haberá tamén unha feira cunha vintena de postos de artesanía e produtos ecolóxicos.

Leandro Lamas será o pregoeiro da Festa do Pan de Neda que se celebra o 6 de setembro

Te puede interesar