Regresa o ciclo Domingos a Escena con novas compañías de fóra de Ferrol

|

A Concellería de Cultura de Ferrol retoma unha temporada máis o ciclo de teatro afeccionado Domingos a Escena que desde hai 13 anos se celebra no Centro Cívico de Caranza. Nesta oportunidade, na convocatoria do programa para os meses de xaneiro e febreiro concorreron 16 grupos que presentaron 23 obras, das que foron seleccionadas seis, e dúas máis na condición de suplentes.

A selección feita pola Concellería de Cultura guiouse, segundo aseguran, “polos principios de calidade e variedade”, abarcando os tres xéneros básicos do teatro: comedia, drama e traxedia. Contemplando así mesmo, as distintas idades ás que van dirixidos os espectáculos. As montaxes seleccionadas cubrirán a programación de Domingos a Escena dende o 13 de xaneiro ao 17 de febreiro.

 

datas e nomes

O ciclo comeza mañá con Donas- Amistad, de Ferrol, que interpretará a obra “In memoriam de Agapito Salido”, unha comedia escrita e dirixida polas compoñentes do grupo. O día do funeral do patriarca da familia descóbrense segredos sobre a súa múltiple vida afectiva. Dirixida a todos os públicos.

O 20 actuará a compañía Carfax Teatro, de Culleredo, que representará a peza “Transilvania”. Trátase dun drama en clave de teatro-danza que representa unha viaxe ao encontro do conde Drácula. Para un público adulto. A programación de xaneiro remata o día 27 co grupo Gargallada Teatro, da localidade ourensá do Barco de Valdeorras. Interpretará “Cincenta, teatro on the rock”, unha versión musical en clave de humor do popular conto de Perrault e dos Irmáns Grimm. Para todos os públicos, especialmente o infantil.

A actividade do mes de febreiro comeza o día 3 e a responsable será a compañía viguesa Atrezo Teatro. Interpretará a obra “O eloxio da loucura”. Un drama que reflexiona acerca da identidade, do ser e da forma en que nos ven os demais. A perda da identidade e a súa busca é o tema central desta montaxe de autoría propia dirxida ao público adulto. Domingos a Escena continúa no Centro Cívico de Caranza o día 10 de febreiro coa compañía de teatro El Ruiseñor, de Culleredo. Esta formación interpretará a obra “Troyanas”. A traxedia clásica en versión de Eurípides. A peza narra como a guerra é emprendida polos homes e sufrida polas mulleres e os nenos. A montaxe está dirixida a público adulto. Finalmente, o bimestre remata coa compañía ortegana Ultreia que o 17 de febreiro representará a astracanada de Muñoz Seca “La venganza de Don Mendo” na que se parodia a época medieval e os seus enredos amorosos e políticos.

 

suplentes

Os grupos suplentes que actuarían no caso de que algunha das compañías seleccionadas inicialmente non puidera facelo son: Valacar, da Coruña , coa obra de Moliere “O médico á forza”; e Axóuxere, de Oleiros, coa peza “Molotov”.

 

Regresa o ciclo Domingos a Escena con novas compañías de fóra de Ferrol