Desde que se pode falar da existencia dun fenómeno así denominado, é innegable que A Coruña foi a localidade –e non só por ser a que contaba con maior poboación– que conseguiu aglutinar maior número de elementos ao redor de todo aquilo que en sentido amplo podemos agrupar baixo o nome de galeguismo, tanto desde o punto de vista do estritamente político, como do das manifestacións intelectuais e culturais de todo tipo.
Cando menos de facto, A Coruña funcionaba como esa capital de Galicia que de iuri non existía. Parece, pois, lóxico que fose alí onde se fundase a primeira Irmandade, máxime se temos en conta que, en tempos máis ou menos recentes, se instalaran na cidade unha serie de persoas con experiencia e formación que se adaptaron ben a esa realidade social coruñesa, ao tempo que lle foron proporcionando novas maneiras de funcionamento.
Non é nada aventurado falar dun rexionalismo galego “á coruñesa”, unha forma particular do pensamento reformista republicano, unha manifestación consciente dunha proposta política globalizadora, na que participaron os membros da denominada “Cova Céltica”, que xogaron moi diferentes papeis que ían máis aló do mero fenómeno intelectual e literario.
E iso que non o tiveron nada fácil, por mor da guerra xorda e interesada que importantes sectores da sociedade lle declararon aos conxunto dos rexionalistas, coa excusa de que os rexionalistas se ofreceran ao carlismo, ao partido de D. Carlos de Borbón, Aínda que os rexionalistas coruñeses, aglutinados en torno a Murguía, axiña desautorizaron a “aventura” de Alfredo Brañas, os rexionalistas todos pasaron a estar vestidos durante anos co adxectivo “carlistón”, cando o groso do movemento, o sector coruñés, estaba nas antípodas desa ideoloxía.
Pese a todo, os rexionalistas coruñeses tiveron unha participación decisiva –mesmo de control– de diferentes institucións como o Casino Republicano, o Circo de Artesáns, a Asociación da Prensa ou a Academia Galega; sostiveron diversas publicacións; tentaron crear unha escola musical galega ou un teatro galego... Todo, ou case todo, con maior ou menor planificación, orientado a lograr a creación dun organismo que puidese aglutinar e coordinar estas diferentes actuacións. Levaban anos agardando por ese paso que se quería dar cando se decide botar a andar as Irmandades. A nova institución viña ser o cume de numerosos esforzos e procesos xa que se entendía que podería asumir tanto as propostas máis políticas, como as culturais-educacionais, as editoriais... As Irmandades poderían converterse no necesario foro de debate, entre diferentes tendencias e obxectivos, permitiría abordar a formulación dos puntos programáticos dun coherente proxecto político totalizador para o país galego. Anos despois, en 1951, cando xa a sublevación militar, a guerra e a represión fascista esnaquizaran case todo, Ramón Villar Ponte –no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega–, lembraba que “Na España, como en todal-as partes, o estronicio causado pol-o esnaquizamento dos vellos e fastados imperialismos achóu o seu eco. Moitos coidaron e non sin razón, qu’era chegada a hora de un reaxuste e nova orgaización dentro dos moldes peculiares de cada Estado. E foron eiquí, antre nós os cataláns como foron decote, xa que xustiza é confesalo, os devanceiros das xeraes arelas espertas nos vellos soares ibéricos. Per la España grand era o tíduo de un manifesto qu’en Cataluña vira a luz pra sere logo espallado a eito por toda a Penínsua. Cando chegou á nosa terra, poucos foron os que souperon acollelo con aquel intrés, con aquela atención, con aquela curiosidade non espida de afecto, a que o manifesto se faguía acreedor”. Mais si souberan acollelo os fundadores das Irmandades.
Así, nese ambiente, o 18 de maio fundouse a Irmandade da Coruña e dez días despois fundaríase a de Santiago. O 28 de maio tería lugar o acto fundacional no salón do Círculo Católico de Obreiros, nunha sesión presidida polo catedrático de Dereito da Universidade compostelá Luís Porteiro Garea, que morrería dous anos despois vítima da epidemia de gripe. Asistiron, entre outros, Victoriano Taibo, Xesús Culebras, José Pasín ou os tamén catedráticos Salvador Cabeza de León e Gil Casares, estes dous últimos vellos rexionalistas, compañeiros e amigos de Alfredo Brañas.
Finalizado o acto, enviaron telegramas a Antón Villar Ponte, Aurelio Ribalta e Ramón Cabanillas. O enviado ao poeta cambadés dicía: “Hirmandade Fala, primeira Xunta, numarosa entusiasta, sauda outo vate grorioso alma rexurdimento rexional”. [Cabanillas –que poucos anos despois confesaría que se fixera nacionalista por ser de Cambados, como Brañas “el profesor de Cambó; el que le indujo a seguir la política regionalista que hoy acaudilla el famoso ex-ministro catalanista”– contestoulles cunha carta na que lles pedía: “fáganme unha gracia máis: nun currunchiño, ó pé do de vostedes, na ringreira dos compañeiros da Xunta santiaguesa, poñan o meu nome homilde”.