As cabalgatas e os festivais multiplícanse

|

Narón contará tamén cunha grande actividade relacionada cos Reis. Ás 16.30 horas estarán na praza de Galicia, no mercado de 1900 que se celebra alí ata o domingo (abre de 11.00 a 15.00 e de 17.00 a 23.00 horas). Será unha festa na que colaboran a AVV O Alto do Castiñeiro, a escola Tempus, Fusión Medieval e o Concello. Pero ademais, en Xuvia, os veciños terán festival infantil, a partir das catro. Será no colexio, coa presenza dos Reis. Unhas Maxestades que xa onte estaban no local social do Val, escoitando os desexos dos nenos e comendo chocolate.

En Odeón tamén celebran esta remarcada data e fano agasallando ós seus clientes con pequenos roscóns, típicos destas datas. Repartirase a partir das once da mañá, nun posto ubicado preto da árbore de Nadal. Hai que presentar un ticket do día.

En Fene, os Reis saen ás 17.30 horas de San Valentín para facer unha ampla viaxe e rematar na praza do Concello.

A cabalgata de Pontedeume comezará ás 17.30, hora na que sairán os Reis da avenida de Ferrol para percorrer as rúas da vila e chegar ás sete ó Mercado, desde onde atenderán ós nenos.

En Cabanas, os Reis pasarán ás 16.15 pola praia e farán unha ruta polo Concello, Lavandeira, Santa Cruz, o Centro de Maiores de Laraxe e o local de San Martín do Porto, a onde chegarán ás 19.45. Xa mañá domingo, ás 11.15, serán recibidos polo alcalde no Concello e alí repartirán agasallos.

Os Reis de Cerdido serán tamén mañá domingo. Ás 11.30 horas visitarán a Feira da Barqueira e pola tarde, ás 16.00 horas, no polideportivo municipal, haberá unha festa infantil.

En Neda, os Reis van hoxe ó Roxal. Saen ás 20.15 horas do colexio da Maciñeira cara ó polideportivo. Logo de recibir ós nenos, haberá chourizos ó viño e verbena co grupo Benymar.

Ortigueira recibe a Melchor, Gaspar e Baltasar ás sete da tarde. Será a hora na que comezarán un percorrido desde A Lagarea, pola estrada xeral, rúa Juan Luis Pía, A Penela, Eugenio López, Francisco Santiago, o Cantón e, finalmente, a praza de Isabel II, onde estará o belén vivinte. Estarán acompañados na ruta pola Escola de Música e pola banda de gaitas de Ladrido.

A cabalgata de Reis das Pontes sairá ás 17.30 horas da avenida Monte Caxado para percorrer o centro e rematar nas inmediacións do Concello. Alí o alcalde entregaralles a chave que abre os fogares dos nenos das Pontes. Despois, no salón de plenos, recibirán ós cativos.

En Ares, os Reis sairán ás 16.30 do Pedregal e rematarán ás 18.30 en Ares, chegando ó pavillón, onde, xa desde as 18.00, haberá xogos para os nenos.

Cariño acompañará ós Reis coa música de San Xiao do Trebo. O percorrido comezará ás 17.00.

En Mañón, os Reis chegan ó porto do Barqueiro ás cinco da tarde. Subirán polas rúas ata a praza do Mesón e alí, no Concello, recibirán ós nenos.

Cedeira conta coa visita das Súas Maxestades desde as 17.00 horas, saíndo da estación do autobuses cara ó auditorio municipal. Organizan as amas de casa en colaboración co Concello.

A cabalgata de Valdoviño parte do colexio Atios ás 17.00 horas e chega ó auditorio ás 19.00. Ademais, en Vilarrube teñen belén vivinte todo o día e, ás 18.00, visita dos Reis.

En San Sadurniño, a festa é na Casa da Cultura, de 17.30 a 19.30 horas.

E tamén na AVV San Xoán Bertón, en Ferrol, teñen hoxe un festival, ás 19.00, con Xilo.

As cabalgatas e os festivais multiplícanse