O grupo “Nuevo Plan” abre o cartel da semana de festas de Cedeira

O grupo “Nuevo Plan” será o encargado de iniciar os festexos da vila cedeiresa o venres día 10
|

O venres arrancan oficialmente as festas de Cedeira que, como é costume, se prolongarán durante unha semana.
O punto de partida da Semana Grande é a lectura do pregón, responsabilidade que este ano recae en Juana Cheda, Josefa Nebril e Josefa Leonardo, tres dirixentes da Asociación de Maiores de Cedeira. A entidade representa os intereses dos maiores da vila, que conta con 70 socios e que, coa chegada do goberno local, recuperou a súa sede social, situada no segundo andar do Auditorio Municipal. O acto dará comezo ás 20.00 horas no escenario de sempre, no balcón da Casa do Concello, onde tomarán a palabra as tres protagonistas desta edición. Segundo avanzan desde o consistorio, as tres pregoneiras non darán lectura a un manuscrito, senón que protagonizarán unha especie de diálogo, con moita sorna, no que pretenden recrear un ambiente festivo e divertido no que tratarán de avivar a memoria colectiva dos cedeireses destacando a riqueza do lugar. Seguidamente, o grupo Troula Animación protagonizará o que será o primeiro pasarrúas da Semana Grande mentres que a Asociación de Comerciantes do Casco Vello encargase da organización dun concerto que, a partir das 23.00 horas, levará á praza da Marieta á formación de Ferrol Novo Plan, que ofrecerá un concerto nas inmediacions do paseo marítimo.
Este é o programa do primeiro día das festas de esta edición, que terá continuidade o sábado 11, no que volverán os pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas Buxainas. A compañía de circo Maintomano escenificará na praza Floreal o seu espectáculo “Ekilibuá”, dentro do programa “Seráns na rúa en familia”. Xa pola noite, ás 23.00 horas, o concerto da Praza Roxa renderalle tributo a Joaquín Sabina e Alejandro Sanz. Seguidamente, contra a unha da madrugada, actuarán Os Benignos. Xa o domingo, ás 14.00 horas dará comezo o habitual pasarrúas a cargo desta volta da Banda de Gaitas de Ortigueira. Ás 17.00 horas será o turno dos xogos populares e sobre as 19.00 horas dará comezo o Festival de Bandas na Praza Floreal, que organiza a banda de gaitas local. Contra ás 21.00 horas, Catropés encargarase de animar as rúas cun show itinerante. Xa pola noite a orquesta La Favorita porá música á verbena.
Os seguintes días da semana, de luns a venres, a actividade non decaerá na vila mariñeira, con propostas para tódalas idades e gustos con actuacións de Batukada, orquestras destacadas como Panorama, que actuará o mércores, día da patrona, ou a da artista local Irene Caruncho, entre outras. O broche final para a Semana Grande da vila ven marcado, como é tradición, pola Xira a San Antón, prevista para o venres 17. Ao marxe da romaría propiamente dita, que durará toda a xornada, para a noite tamén se reservou música coa formación Nueva Fuerza, que actuará na Praza Roxa. l

O grupo “Nuevo Plan” abre o cartel da semana de festas de Cedeira