Os sindicatos celebrarán os actos do 10 de Marzo por separado, mantendo o guión de anos anteriores

Os sindicatos presentaron onte os actos programados para conmemorar, o vindeiro luns, día 10 de Marzo, o Día da Clase Obreira Galega, unha data na que se cumplen 42 anos desde a morte, a tiros da policía, dos traballadores Daniel Niebla e Amador Rey cando participaban nunha protesta de Bazán. Na cidade que viviu aqueles sucesos e que se converte cada ano, por iso, no epicentro desta celebración, as centrais nacionalistas e estatais volverán de novo a facer as súas reivindicacións por separado.

CIG
A CIG, como vén sendo costume, desmarcaráse das centrais CCOO e UXT, se ben realizará unha ofrenda floral no monumento do 10 de Marzo. Será ás 12.30 horas, despois da institucional e logo dunha asemblea de delegados que comezará ás dez e media nos seus locais sindicais. Desde ese lugar partirá, ás oito da tarde, unha manifestación cara á praza da Constitución.
O consecretario comarcal do sindicato, Manel Grandal, explicou onte que no momento actual “é máis necesario que nunca rememorar a loita de Amador e Daniel”, quen, lembrou, morreron no contexto dunhas mobilizacións que reclamaban un convenio de factoría para Bazán.
Grandal apuntou que o 10 de Marzo do 72 supuxo non só “o nacemento do sindicalismo galego” senón tamén “o principio da fin da ditadura”. O secretario de la central nacionalista apuntou que é urxente “afastar o PP das institucións” para impedir que sigan “poñendo nas mans privadas e dos seus amigos o patrimonio da clase traballadora”. Subliñou, tamén, o desmantelamento dos sectores produtivos de Galicia, principalmente o industrial, e o rexeitamento ao estatus de colonia que nos teñen asignado” para rebelarse e mobilizarse.

CCOO, UXT e USTG
Pola súa banda, CCOO, UXT e USTG participarán ás 11.30 horas na ofrenda institucional do Concello diante do monumento ao 10 de Marzo e convocan a súa manifestación para as 19.30 horas, con saída do Inferniño e remate en Armas. “Contra a exclusión e a pobreza só unha solución: crecemento e emprego” é o lema da xornada, na que tamén as centrais estatais queren poñer de relevo o momento dramático que está a atravesar a comarca de Ferrol.
A secretaria comarcal de CCOO, Auri Vázquez, sinalou que nos últimos tres anos destruíronse máis de 8.000 empregos na comarca e criticou “a verdadeira involución en dereitos laborais e sociais” que está a sufrir a poboación polas políticas do PP. Cesáreo Fraga, de UXT, comentou que a mellor imaxe da situación desta cidade é a da casa de Carvalho Calero derruída e lembrou que o futuro depende de decisións políticas. “Amador e Daniel morreron por disparos da policía, pero o responsable foi o que deu a orde”, dixo o líder sindical. Gregorio Freire, da USTG, abogou por facer do 10 de Marzo un “clamor unánime dun pobo que esixe solucións”.

Os sindicatos celebrarán os actos do 10 de Marzo por separado, mantendo o guión de anos anteriores

Te puede interesar