Ecos do manifesto (LXXVII)

Ecos do manifesto (LXXVII)
Primeira plana do Diário de Lisboa que dá conta do ¡Máis Alá!

Quedou dito que a partir da saída da imprenta da folla Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro se puxeran a distribuíla, xa directamente, xa botando man dos irmáns nacionalistas de diferentes puntos de Galicia cos que tiñan cordiais relacións (Risco, Castelao, Victoriano Taibo, Xavier Soto...). Cebreiro, pola súa conta, encargárase de enviala tamén fóra do país: xornais de Madrid ou de Portugal e revistas españolas, inglesas, norteamericanas, francesas, italianas...
A título de exemplo, digamos que o Diario de Lisboa, de 15 de xullo de 1922, insertaba nas súa primeira plana, ao carón de noticias de non escasa relavancia, esta nota: “RECEBEMOS o caloroso manifesto - ¡Mais Alá! que dois jovens poetas galegos, Manuel Antonio e Alvaro Cebreiro, dirigem á mocidade intelectual da sua terra”. O que non era pouca cousa, máxime se temos en conta que os xornais da Coruña, Ferrol e Lugo non falaran do manifesto, como xa vimos que Cebreiro lle comentara a Manoel Antonio.
Por mor da data do 25 de xullo, Manoel-Antonio recibiu carta, enviadas desde Viveiro, de Antón Villar Ponte na que lle di cousas do manifesto:
“No Día de Galicia reciba o meu saúdo agarimoso. Xa vería que o Manifesto dou que falar. Euxenio Montes combáteo.

Foi un éxito. Eu coido que vostede debe repricarlles aos contraditores. Na Zarpa de Ourense poderá facelo. Canto mais se fale d’istas cousas millore”.
Nesa mesma carta púxolle unhas letras o irmán Ramón: “A miña embora pol-o manifesto, que responde, cáseque todo, ao meu pensare”.
Mais escoitar todo iso, sen ter acceso directo ao publicado, non lle servía de moito ao Manoel Antonio, instalado coa nai en Asados e, polo tanto, sen posibilidade ningunha de se informar mellor. Nin sequera puidera ir a Santiago polas festas do Apóstolo, posibilidade da que lle falara a Victoriano Taibo, viaxe que, máis que probablemente, lle tería permitido o acceso aos materiais dos que lle falaban.
Buscando unha solución decidiu dirixirse a Roberto Blanco Torres, director de La Zarpa. Fíxoo nestes termos en carta datada o 26 de xullo: “Dixeron-me que na Zarpa ou n-outro diario d’Ourense, falaron algo d’a folla ‘Mais alá’. Si quixeses tomar-te a molesta de me mandar un exemplar do n.º en que aparesce iso, sería cousa que xamais me cansaría de che agradescer”.
Esa exaxeración final de eterno agradecemento penso que, máis que as molestias que a súa petición lle poderían causar a Blanco Torres, obedece ao estado de desacougo, de ansiedade do poeta, que precisaba saber de vez o que se andaba a dicir del e da súa obra. Directamente, sen intermediarios.
Proba dese estado de ánimo parece evidente no que lle di a Cebreiro en carta, datada o día 28, dous días despois da enviada ao xornal ourensán:
“Vexo pol-a tua carta, que non só espallaches ben o manifesto sinón que siguiches de preto os seus pasos. Eu non podo dicir outro tanto, pois pol-o d’agora non vin escrevido ó redor d-el nada mais que o que puxeron os d-’A Nosa Plebe’.

Non vin a ‘Zarpa’ nin o ‘Diario de Lisboa’. Que din un e outro? Eu preciso que me mandes recortes ou exemprares de todal-as pubricacións que o nomearon. Villar Ponte, que me escrebeu dende Viveiro, di que Euxenio Montes combáteo; ti sabes onde? E que diarios de Madrid lle deron paus?”.
Por eses días recibiu carta de Castelao na que, entre outras cousas, tamén lle daba conta do que fora pasando ao redor da folla:
“O voso manifesto dou que falar e que escribir, cousa que proba ben craro que non fixéchedes mal en dal-o ó día. Na Zarpa de Ourense escriben Villar Ponte, Risco e o Euxenio Montes. Villar Ponte defendéndose de que o considerasen pai do neno. Risco aproveitándose pra mallar no foulardismo e o Euxenio Montes, que presume de xefe da nosa xuventude, pra dar consellos... Eu felicítovos con todo-o corazón, desexando que agora o teu talento faga unha cousa xurdia, que sexa o modelo de mañán”.
Descoñezo cal foi a vía pola que, finalmente, puido ler o que no diario agrario ourensán se dixera do Máis Alá! o que lle permitiría redactar unha réplica, seguindo o consello de Villar Ponte citado -”Eu coido que vostede debe repricarlles aos contraditores”- ou, simplemente, motu proprio. En carta de 9 de agosto remitiulla a Blanco Torres:
“Ysas duas follas que mando escrebín-as contando con que pudesen aparecer n-a ‘Zarpa’. De xeito que si non hai incomenente n-isa Redaición, e supoño non-o haberá, agradecerei-vos que saian”.
Dúas semanas despois, no número de 23 de agosto, o xornal agrario daba acollida ao artigo de Manoel-Antonio titulado “Sin...”, que vou citar por extenso, porque entendo que non ten desperdicio, alén de ser pouco coñecido. Comeza así:
“Eu non quero pôr ningunha glosa ós comentoiros que Euxenio Montes escribiu ó marxe d’unha folla titulada ‘Mais alá’.

Pero acontece que teño un desexo inaprazábel de fumar n-a pipa meia hora de tempo (falo xustamentes de meia hora inda que non teño reloxe á mau). D’aquela, como elementos complementarios, arrecadarei a pruna e o papel.
Cabilando n-os paraxes alonxados d’a miña cabilación d’o intre, prometo-me que outro día, cando faga d’o tempo cousa mellor que materia fumábel, hei de compor un ensaio contrarrestante d’alguns esquencimentos que as vertudes d’a Sinceiridade teñen encol de si.
Por que si ó falar sinceiramentes chego a decir unha blasfemia ben sabe Deus que non lle hei de pregar perdón; e mais hei-me de salvar.
Hai un refrán que di que ‘val ter mais que desexar’. Eu non sei se me terei ben tañado e interpretado, pero case aseguro que estou d’acordo c’o viceversa. Val mais desexar que ter.
E si o desexo se tece en desacertos, e desourentacións, e contradicións, e inconsecuenzas, co-a sinceiridade con que as horas de todal-as córes teñen unha Vida, ¿quen poderá reprochar algo, cando teña o día pretérito en que deixaba?
Endebén, ese dia non chegará endexamais por que o desexo está ourentado n-o senso d’unha constante superación.
Pol-a nosa parte, non se trata de facer apostolados nin pedagoxías: trátase de vivir á Vida con sinceiridade e sin cadeas.
Pero ¡eso xa! hai opinións”.
E finaliza:
“Propuxen-me fumar meia hora de tempo e quen sabe (como non teño reloxe!) si non queimaría xa mais de meia xornada.

Convirá fechal-a porta...?”.
O texto, que sempre me pareceu fantástico, conecta totalmente co que lle dixera na súa carta Castelao sobre os escritos de Montes sobre o Máis Alá, que estaban feitos para dar consellos. O título xa case o di todo de xeito totalmente condensado. Os puntos suspensivos do “Sin...” son doadamente sustituíbles por ‘comentario’, ‘palabras’... Porque na longa reseña -tres extensa entregas- que Montes lle dedicou ao manifesto non fai máis que recriminar e aconsellar en función do que el pensaba e do que el fixera. Un continuo gabarse. Mais, eu penso, como me parece que pensa Manoel-Antonio, e de aí ese non especificativo e suxerinte “Sin...”, que Montes non chegou a comprender o manifesto, alén de que el nunca o tería feito. E iso entendo que xa se desprende do propio título dos seus comentarios: “Un manifesto de arte”, porque parece claro que a folla de Manoel-Antonio e Álvaro Cebreiro é máis que iso, vai máis alá do puramente artístico. Xa que logo, ao poeta rianxeiro non lle pagaba a pena perder o tempo en dar explicacións ou en facer aclaracións a quen non as ía entender. Tiña dúas opcións: ou calar ou crear un texto como o que fixo. O que non puido facer nese momento Manoel-Antonio foi retrucar un duro texto de Lesta Meis, do que falarei na próxima entrega

Ecos do manifesto (LXXVII)

Te puede interesar