O CIFP Ferrolterra, o CPI Virxe da Cela e o IES de Mugardos, na rede solidaria do plan Proxecta

O CIFP Ferrolterra, o CPI Virxe da Cela e o IES de Mugardos, na rede solidaria do plan Proxecta
Recogida de Juguetes en el CIFP Ferrolterra

Nacida o pasado curso no marco do plan Proxecta da Xunta, a Rede de Centros Escolares Solidarios tenta fomentar un ano máis entre os escolares valores como os de participación, compromiso social e voluntariado. Dos nove institutos e colexios que forman parte do proxecto, tres son da comarca: o CIFP Ferrolterra, o IES de Mugardos e o CPI Virxe da Cela de Monfero. 
Un total de 17 alumnos de todos estes centros reuníronse os pasados 15 e 16 de marzo en Lugo para participar nunha xuntanza na que tiveron como cometido a elaboración do logotipo da devandita rede. Do encontro, no que os estudantes se organizaron por grupos, xurdiron cinco propostas creativas, das que, a través dunha votación, elixirase a definitiva. 
Ademais destas actividades conxuntas, o programa, promovido desde a Dirección Xeral da Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, inclúe outras a desenvolver en cada un dos centros. E aquí as opcións son variadas. No Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Ferrolterra, por exemplo –adherido á rede este mesmo curso–, promoven o acompañamento a persoas maiores ou o reforzo educativo en virtude dun convenio asinado coa ONG Acción Familiar.
Na iniciativa participan fundamentalmente o alumnado do ciclo superior de Educación Infantil, se ben o obxectivo é extendelo a máis alumnado. De feito, á xuntanza de Lugo acudiron dous estudantes dun programa PCPI, xa que tiñan que ser menores.

actividades
Obradoiros, rastros solidarios e outras propostas encamiñadas á promoción de valores forman parte tamén da axenda escolar do CPI Virxe da Cela e do IES de Mugardos, implicados no programa da Xunta xa desde o pasado ano.
Tal e como se informou desde a propia organización do programa, trátase de fomentar o emprego dunha metodoloxía activa e colaborativa entre o alumnado e tamén entre os distintos departamentos. “O programa pretende establecer vínculos entre as organizacións sociais e os centros educativos e amosar que o alumnado, xa desde a escola ou o instituto, é capaz de ofrecer un servizo valioso e necesario á sociedade”.
Na edición do pasado ano, ademais da charla informativa sobre o proxecto e a creación de espazos comúns a través das redes sociais, grabáronse micromovies por parte dos participantes. n

O CIFP Ferrolterra, o CPI Virxe da Cela e o IES de Mugardos, na rede solidaria do plan Proxecta

Te puede interesar