A biblioteca de Pontedeume suma 163 socios novos e acolle a 77 persoas ó día

A biblioteca de Pontedeume suma 163 socios novos e acolle a 77 persoas ó día
Biblioteca de Pontedeume

As estatísticas de uso da biblioteca de Pontedeume manteñen cada ano unhas cifras positivas que confirman a este centro como un foco cultural de obrigada visita para a comarca eumesa. O traballo que desde hai décadas se realiza para explicar, xa desde o colexios, as funcións e servizos do edificio da antiga Cátedra de Latinidade, así como os actos que se organizan nas súas instalacións, manteñen a fidelidade dunha vila que apenas supera os 8.000 habitantes e da súa área de influencia.
En 2014 utilizaron e participaron nas actividades da biblioteca un total de 17.927 persoas, segundo as estatísticas facilitadas desde o centro. Tramitáronse 163 altas novas e rexistrouse unha media diaria de 77 persoas. Estes datos son semellantes ós de anos anteriores, con novas incorporacións que superan as 150 persoas cada ano e con máis de 70 pasando a diario polo edificio. O carné do último socio ten xa o número 6.889.
Os datos globais de uso desdóbranse entre as 1.858 persoas que se contabilizaron nas actividades culturais e as 16.069 que empregaron o servizo de préstamo e devolución, as salas ou os ordenadores con conexión a internet. A maior afluencia de persoas nas salas (de lectura, infantil e tamén para consulta de publicacións periódicas) foi en outubro, novembro e febreiro. Nestes tres meses superáronse as 700 persoas.
No apartado de acción cultural rexistráronse máis de medio milleiro de asistentes ás presentacións de libros, conferencias e ós actos que cada ano se organizan para conmemorar o Día das Letras Galegas e o Día do Libro. Case 400 persoas asistiron á Videoteca de Verán, un programa de proxección de cine familiar que se repite no Nadal (en 2014 con 147 nenos). Ademais houbo o habitual ciclo de cine mudo (con 91 espectadores) e, a maiores, un dedicado á animación xaponesa, que contou con 93 asistentes. O programa de fotografía familiar rexistrou 175 persoas, mentres que á presentación da revista Cátedra asistiron 80 persoas.
A estas propostas hai que sumar o programa de animación á lectura, no que participan os nenos pequenos dos catro colexios da localidade e das escolas unitarias. Todos eles acoden á biblioteca a coñecer o seu funcionamento e ó persoal (Alexandre Caínzos e Loli Fraga) e asisten a unha proxección audiovisual. En total pasaron durante o 2014 342 escolares polo centro.
Outros datos das estatísticas anuais que fai públicas a biblioteca de Pontedeume teñen que ver co número de libros dos que dispoñen. En 2014 houbo 879 altas novas, co que se rexistan un total de 25.409 volumes.

A biblioteca de Pontedeume suma 163 socios novos e acolle a 77 persoas ó día

Te puede interesar