O Correlingua defende un ano máis o galego entre a mocidade nunha edición a través da rede

O Correlingua defende un ano máis o galego entre a mocidade nunha edición a través da rede
O festival celebrado onte foi retransmitido en directo desde o Pazo para os centros

A actual situación sanitaria provocada pola pandemia de coronavirus obrigou onte a celebrar de xeito telemático unha nova edición, a vixésima, do Correlingua. Máis dunha ducia de centros da comarca –como Os Casais, A Laxe, Maciñeira, Terra de Ferrol, Ponzos, Esteiro, Recimil, Centieiras, San Isidro, Piñeiros, Isaac Peral, Cabo Ortegal ou o CRA de Narón– así como outros de diferentes lugares da comunidade galega decidiron participar nesta iniciativa de carácter lúdico-educativo impulsada pola CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega co apoio de diferentes administracións.

Todos seguiron desde as súas instalacións un evento desenvolvido sobre o escenario do Pazo da Cultura de Narón. Alí, a actriz Isabel Risco encargouse, de conducir unha función que incluíu, como notas musicais, as actuacións de Ce Orquestra Pantasma e de A Gramola Gominola.

Procedeu ademais á lectura do manifesto da edición, realizado por alumnado de terceiro curso da ESO do CPI de Zas. O festival foi retransmitido en directo para os colexios, que tiveron así a oportunidade de achegarse á mensaxe a prol do galego que curso tras curso defende o encontro, co obxectivo de sensibilizar á xente moza sobre a importancia do emprego da lingua galega.

Desde o Concello de Narón, a edila Mercedes Taibo, salientou o evento como unha “gran oportunidade para reivindicar o uso da nosa lingua e contribuír a manter vivo este gran patrimonio tamén nestes momentos, sensibilizando á poboación na importancia de defender o seu uso”. Felicitou ademais a organización polo traballo arredor dunha convocatoria que cumpre dúas décadas.

O Correlingua defende un ano máis o galego entre a mocidade nunha edición a través da rede

Te puede interesar