Poesía, música, teatro e artesanía para homenaxear a Díaz Castro

Copia de Diario de Ferrol-2014-05-14-011-f6e111a5_1
|

As Letras Galegas dedícanse este ano a Xosé María Díaz Castro e, logo de semanas nas que a actividade en torno ó poeta de Guitiriz se intensifica, o sábado celébrase o seu día. Por iso os concellos preparan unha manchea de actos culturais para esta fin de semana entre os que se inclúen recitais poéticos, obras teatrais, concertos ou conferencias.
Hoxe mesmo, na AVV Olmo, de Pontedeume, levan adiante unha feira de artesanía baixo unha carpa nas que haberá demostracións dos distintos oficios. Alumnos dos colexios da comarca acudirán tamén para participar nos xogos e actividades propostas e para contemplar este ano, por primeira vez, como se ferra un cabalo. Esta exposición de traballos artesáns, que se      inaugurou o luns, estará aberta ata o venres en horario de mañá e tarde. Ademais, para concluír a programación que comezaron coa música da rondalla Lucero del Alba e da Coral Polifónica Eumesa, o sábado farán unha viaxe á Ribeira Sacra.
Tamén en Pontedeume continúa esta semana na biblioteca o programa de actividades que desenvolven este mes e que levará á sala infantil o venres, ás 19.30 horas, a Pablísimo e os seus “Contos de sobremesa”.
Nas Pontes Xesús Manuel Valcárcel López falará mañá xoves de Xosé María Díaz Castro desde a análise da relación coa paisaxe da súa poética. Será ás oito da tarde na biblioteca municipal. O propio sábado o Liceo Recreativo celebra o Día das Letras coa actuación dun grupo musical ás cinco da tarde e co recitado de textos en galego por parte de alumnos dos colexios e de quen desexe sumarse á proposta. E aínda o 24 de maio haberá un concerto no salón de actos da Casa Dopeso, ás seis da tarde, coas actuacións de membros da escola de música, da banda xuvenil e tamén da Banda de Música Cultural e Recreativa das Pontes.
Tamén mañá, en Fene, haberá un acto incluído dentro do Día das Letras, a presentación do espectáculo musical “Libro en-cantados”, de Magín Blanco. Será ás sete da tarde na biblioteca municipal e está dirixido a nenos de entre tres e dez anos.
O venres 16 hai actividades en Neda e en Cerdido. No primeiro caso organízase un recital poético na Casa das Palmeiras, ás 20.30 horas. Participarán Francisco Vila, Miguel Melero e tamén Amelia Querol, que lerán textos de Díaz Castro e composicións propias. Tódolos veciños que queiran participar poden achegarse coas súas lecturas e contribuír a esta homenaxe. Xa a semana que vén, o día 23, haberá música, na Casa da Cultura e tamén ás 20.30 horas, con Roger de Flor e Os Silvestres.
A celebración en Cerdido corre por conta de Ghazafelhos, que representarán o venres no CEIP da Barqueira a obra “Acuario”, con María Canosa, autora do poemario infantil que se vai representando en escena. Logo da función da compañía teatral, a alcaldesa do municipio, Ana Rodríguez Montero, entregará a tódolos nenos un libro. Ademais, durante a xornada farase unha semblanza de Díaz Castro.
Xa o sábado, o propio Día das Letras, a Asociación de Mulleres Cabanas Rural organiza un taller de fiandeiras na escola de Lavandeira, no que participarán un grupo de 31 mulleres, acompañadas do artesán e de dous nenos, que vestirán os traxes de faena e traballarán. Será entre ás 16.30 e as 19.00 horas, tempo no que ademais se poderán ver as fotografías das fiandeiras e as súas viaxes a actividades durante o ano 2013. É tamén un percorrido polo traballo feito ó longo de seis anos de existencia desta entidade.
San Sadurniño festexará o Día das Letras Galegas o domingo 18, cun espectáculo no Pazo da Marquesa, protagonizado polo grupo poético Aldaolado e polo cantante e compositor Xoán Curiel. Será a partir das seis da tarde. Lucía Aldao e María Lado (asiduas da Semana da Poesía Salvaxe, entre outros actos poéticos e reivindicativos) propoñen un recital cheo de ritmo e cunha participación aberta do público. Será unha experiencia única, que se sae do que se pode esperar dun acto destas características. Despois toma o relevo Xoán Curiel, que nun pequeno concerto tocará temas do seu disco “Magnético Zen”, que foi elixido o mellor álbum en lingua galega na quinta edición dos premios de música organizados pola Unión Fonográfica Independiente. Despois da súa actuación entregaranse os galardóns do concurso Artellando na Lingua, un certame literario cuxo prazo de entrega de orixinais remataba onte mesmo.
Tamén o domingo, ás sete da tarde, o grupo de teatro da Sociedade A Pombiña estrea a súa nova obra, “O xardín dos pobres”, escrita e dirixida por Betty Couce.
En Valdoviño o Festival das Letras Galegas será tamén o domingo, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura. Está organizado pola asociación A Frouxeira.

Poesía, música, teatro e artesanía para homenaxear a Díaz Castro