Afundación acolle a mostra que explora a relación entre as matemáticas e a papiroflexia

Afundación acolle a mostra que explora a relación entre as matemáticas e a papiroflexia
O director do EMOZ, Jorge Prado, no centro, guiou unha visita pola tarde de onte | cedida

A Sede Afundación de Ferrol abriu onte “Papiromates”, a mostra de pezas de papel realizadas coa técnica do origami coa que se pon de manifesto a estreita relación entre as matemáticas e a papiroflexia.

A Obra Social de Abanca e a Escola Museo Origami Zaragoza –EMOZ– presentan, en colaboración coa Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática –Agapema–, unha exposición que se inaugurou hai un ano na capital aragonesa e cuxo éxito xa a ten levado a diferentes espazos expositivos do Estado español.

O director do EMOZ, Jorge Prado, e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, encargáronse de explicar en que consiste “Papiromates”. Ademais, pola tarde, Prado guiou unha visita para as persoas interesadas en coñecer máis sobre os fortes vencellos entre as matemáticas e a papiroflexia.

O emprego de patróns matemáticos é imprescindible para o deseño das figuras expostas, dun valor, segundo se explicou na presentación, “case escultórico”. Un dos méritos deste conxunto de figuras radica en que para a súa elaboración non se empregaron nin pegamentos nin tesouras, senón só o encartado de papel. En Xapón hai décadas que a técnica do origami se ensina nas escolas.

Ademais de exhibir as creacións, o obxectivo da mostra ten tamén unha vertente pedagóxica, xa que as persoas que visiten “Papiromates” poderán aprender que é o denominado patrón de cicatrices e a súa importancia á hora de deseñar novos modelos; como o origami modular constrúe corpos xeométricos ensamblando figuras de papel idénticas; ou como nas teselacións un mesmo motivo se repite numerosas veces cubrindo un plano a través de centos de pregos.

Paralelamente, a exposición tamén fai un repaso polas achegas dalgúns nomes relevantes do ámbito da papiroflexia, como é o caso de Erik Demaine, Jeannine Mosely, Robert Lang ou a galega Covadonga Blanco –finada en 2013–, profesora de Matemática Aplicada na Universidade da Coruña e unha das principais impulsoras do grupo galego de papiroflexia. Ela dedicou gran parte da súa traxectoria profesional a investigar o origami como ferramenta para o ensino das matemáticas.

“Papiromates. Matemáticas + creatividade=papiroflexia” estará aberta ao público ata o vindeiro 25 de xaneiro na Sede Afundación de Ferrol, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas e, polas tardes, de cinco a nove. As persoas interesadas poden apuntarse nas visitas guiadas que organiza a propia Obra Social de Abanca. Para facelo, cómpre chamar ao número de teléfono 981 330 280.

Afundación acolle a mostra que explora a relación entre as matemáticas e a papiroflexia

Te puede interesar