Caso canónico de escritor tardío, o economista ferrolán Carlos Abeledo Maristany presentou onte na Galería Sargadelos a súa primeira publicación, o poemario “Lindos Abrollos” (Edicións Embora). Nunha concorrida galería, e acompañado do editor Francisco Rodríguez, Abeledo ofreceu as claves deste traballo lírico que el mesmo non dubidou en considerar como “da experiencia”.
Uns instres antes de dalo a coñecer comentaba sobre a súa tardía vocación: “Teño 62 anos, pero comecei a escribir e a gardar nun caixón cando tiña 16. Grazas á amizade coa editorial Embora decidinme a publicar agora algúns destes poemas escritos en diferentes épocas”. Lonxe de resultar un “totum revolutum”, o escritor ordenou tematicamente as pezas que compoñen o libro.
Homenaxe á muller
“Quixen facer unha poesía homoxenea, de carácter sentimental e ligada á experiencia vital. A muller é o nexo de conexión dos textos, aínda que partindo de aí falo tamén de temas que me preocupan como a paisaxe ou determinadas vivencias íntimas como a morte”. Outro dos elementos vertebredores de “Lindos Abrollos” é unha vinculación estética e sentimental coa poesía portuguesa, con referencias a Pessoa, Camões e outros escritores lusos.
Para Carlos Abeledo “son un referente na miña escrita. Sempre me chamou a atención o moito que miramos para Castela e o pouco o nada que o facemos cara os noso irmáns de Portugal”.
Unha vez dado o primeiro paso, semella que a traxectoria do novo escritor ferrolán vai continuar e aparecerán máis títulos da súa pluma. “A verdade é que si –adianta–. Sigo tendo moito material gardado de todos estes anos que fun escribindo, desde poesía a ensaio, e o próximo que sairá será probablemente un libro de relatos “.