Carvalho Calero, a rehabilitación pendente

Concentración delante de la Casa de Carvalho Calero
|

A Fundación Artabria lembrou onte a Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) no seu cabodano diante das ruínas da súa casa natal, nun acto reivindicativo da súa figura, musical e poético, que congregou como cada ano a ducias de persoas entre as que estaba o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea. Era a primeira vez que un representante do goberno de Ferrol participaba neste acto, segundo destacaron desde a entidade convocante. Poemas lidos por Xosé Abeledo, Rosa Casais ou Karlotti e a gaita de Miguel Neira acompañaron a chuviosa mañá, presidida por unha pancarta na que se podía ler unha das citas do ferrolán: “O galego ou é galego-português, ou é galego-castelhano. Nom há outra alternativa”. É precisamente o posicionamento favorable ó reintegracionismo de Carvalho o que máis dificulta o recoñecemento oficial da súa aportación como creador, como profesor e como investigador á historia e lingüística do idioma a partir da posguerra. Pese a iso diversos movementos sociais impulsan desde Ferrolterra de novo que se lle dedique o Día das Letras Galegas, esta vez para o 2017. Á marxe disto, colectivos como Artabria manteñen acesa a súa memoria.
A esta rehabilitación pendente súmase a da súa casa natal, un edificio do entorno da Praza Vella que o Concello de Ferrol mercou hai xusto cinco anos e que desde entón continuou o seu esmorecemento, con actuacións puntuais para evitar riscos ante os derrubamentos que foron eliminando elementos ata deixar apenas a fachada. 
O socialista Vicente Irisarri asinou a escrita de compra do edificio (o número 51 da rúa San Francisco) e dos colindantes 49 e 47 un 19 de marzo de 2011 por un prezo de 350.000 euros. Foi despois de negociacións emprendidas xa por corporacións anteriores e cun valor moi discutido precisamente polo mal estado dos tres predios que se adquiriron. A intención era a de rehabilitar a casa dentro dun conxunto e, así, crear un museo dedicado a Carvalho Calero e tamén unha biblioteca. Usos culturais e para entidades veciñais e un espazo hostaleiro formaban parte dun proxecto para o que se prevían 198.000 euros incluídos dentro do Plan Urban. O primeiro que se fixo foi acometer obras de urxencia, en maio dese mesmo ano, por valor de 85.000 euros, que incluíron a limpeza das parcelas, o derribo a man de parte dun muro e a colocación de vigas metálicas que fixaran a estrutura.
Coa entrada de José Manuel Rey Varela no goberno completouse o apuntalamento da parede medianeira por razóns de seguridade. Xa en 2012 reserváronse 207.000 euros, dentro do Urban, para a rehabilitación deste conxunto de edificios. Aínda nos orzamentos de 2014 se marcaban 168.000 euros con este fin. Déuselle prioridade a outras inversións urxentes e, ademais, esperouse por un Plan Especial para Ferrol Vello que se quería ter listo precisamente a finais de 2014 pero que aínda aprobou o goberno de Jorge Suárez para a súa entrada en vigor a comezos deste 2016.
Entrementres, novas inversións foron precisas para evitar o derrubamento do edificio. En marzo de 2014 caía un dos muros da vivenda e houbo que retirar as pedras e apuntalar as paredes que aínda quedaban en pé. Supuxo unha inversión de 127.000 euros para as arcas locais. En total, como mínimo se teñen invertido máis de 560.000 euros neste espazo sen que eses cartos servisen para frear o deterioro nin moito menos para albiscar un futuro para estas propiedades municipais. En vista do que se gastou só en evitar a súa caída, non semella que as inversións que se prevían no Urban fosen o suficientemente ambiciosas como para solucionar a situación.
 
De novo Europa
O actual goberno está pendente da consecución neste semestre de novos fondos europeos (o DUSI) para impulsar a rehabilitación en Ferrol Vello e así actuar no que queda en pé da casa de Carvalho. Esta rehabilitación é o punto 66 do acordo programático de mínimos asinado por Ferrol en Común e os socialistas.

Carvalho Calero, a rehabilitación pendente