“Estamos moi convencidos do proxecto educativo que temos”

“Estamos moi convencidos do proxecto educativo que temos”
Directora del Colegio San Xoan de Filgueira

É un centro plurilingüe, está inmerso no Abalar, participa tamén de varios contratos-programa da Consellería, aposta pola formación en valores, a convivencia ou o respecto polo medio ambiente e, grazas a unha das súas iniciativas, garante tamén que todos os seus alumnos poidan gozar cada día dunha merenda saudable para a hora do recreo.
Con todo, no período de solicitude de praza para o vindeiro curso só catro familias elixiron este centro –con varios galardóns en recoñecemento polo traballo desenvolvido– como primeira opción para que os seus fillos inicien a súa escolarización en 3 anos en setembro.
A pesar de que a cifra pode incrementarse trala comisión de escolarización que reubica aos nenos que non tiveron praza no centro elixido, a baixa demanda preocupa á dirección, convencida, pola súa banda, do proxecto educativo que se está a desenvolver desde hai tempo.
Marián López (Ferrol, 1966) é, desde hai dez anos, a responsable do colexio, ubicado na zona de Campo de Chao e no que actualmente conviven 180 alumnos e 20 profesores. Tamén é a representante de directores de colexios públicos da cidade.

¿Sorprendeulles moito recibir só 4 solicitudes de matrícula como primeira opción?
Sorprendeunos moito. É certo que a este centro sempre lle pasou o da baixa matrícula, xa que sempre estivo estigmatizado pola súa ubicación. Estamos rodeados de asentamentos de etnia e esta é a súa realidade. Sempre estivemos pelexando por demostrar que a calidade depende de moitas cousas e no caso dalgúns centros públicos parece que sempre temos que estar a demostrar a capacidade que temos para ofrecer unha resposta educativa axeitadas ás necesidades de cada un dos nosos nenos.

¿Que consecuencias podería ter para o centro este baixo número de solicitudes?
A agrupación de unidades e polo tanto a conseguinte redución de profesorado.

¿Qué pode ter influido nesta situación?
Desde que eu estou na dirección –en 2004– houbo altibaixos. En 2009, por exemplo, houbo moitas familias convencidas de querer matricular aos nenos neste centro. O máis positivo para os nenos é que no propio colexio están a participar e vivenciar situacións reais, para min esto é un enriquecemento absoluto. Nós desenvolvemos un proxecto educativo do que estamos totalmente convencidos e que ademais ten sido recoñecido en diferentes convocatorias. O profesorado invirte moitas horas en sacar este proxecto adiante.

¿Como está a afectar a actual crise económica nos centros educativos?
No noso, arredor do 48% do alumnado está en situación de exclusión social. Hai familias que agora mesmo non reciben ningunha axuda nin subsidio e que viven da caridade. Nós, por exemplo, temos a sorte de desenvolver un proxecto que lles garante a merenda do recreo, e así todos poden xantar o mesmo nese momento.

¿Que lle parece a existencia de prazas concertadas cando quedan moitas libres na pública?
Non vexo ben que queden prazas nos centros públicos e se sigan dando cartos aos centros privados. Actualmente sobran os concertos nalgúns colexios.

¿Cómo definiría o seu centro?
Hai unha frase que a pensamos hai tempo, que dicía “Colexio de San Xoán de Filgueira, un xardín”. Un xardín porque neles hai flores de diferentes cores, tamaños e formas, pero cando se chega a un con tanto colorido, alégrate a vista e o corazón, e penso que este colexio ten algo diso.

“Estamos moi convencidos do proxecto educativo que temos”

Te puede interesar