“Un voto non variaba nada, pero catro si. Por que CCOO non nomeu outros delegados?”

Suso Perez UGT
|

Suso Pérez, representante da UXT Ferrol no intercentros e na comisión negociadora do convenio colectivo de Navantia, convertiuse o día 9 na diana de gran parte do anoxo dos traballadores do estaleiro de Ferrol pola firma do preacordo que rexeitaron por aplastante maioría. Non acudiu á reunión na que saíu adiante con catro votos de delegados desautorizados de CCOO, tres de UGT –o posto de Pérez pasou ao asesor da central, de San Fernando, que votou si– e un de CSIF, e os compañeiros non lle deron ocasión de explicarse na asemblea do día seguinte. O calaron con pitidos e gritos de “traidor”.

Por que non acudiu?
Por unha enfermidade grave da miña muller. O luns pola mañá amaneceu cunha reacción alérxica moi forte, e non bou dicir que teméramos pola súa vida, pero casi. Aquí teño os xustificantes médicos. Púxenme en contacto coa miña federación e tamén coa empresa e solicitei un aprazamento, porque eu quería asistir. Teño que dicir que volvería facer o mesmo e o sintoo polos compañeiros do sindicato que os están poñendo a caer dun burro. Non o vexo xusto.

Ía votar non?
Eu ía a votar non. Para min sería máis fácil ir a Madrid, que ao mellor a federación me desautorizase e vir para Ferrol tranquilo. O resultado non variaba. Aínda co meu non a votación quedaría 7-5 en lugar de 8-4, pero o convenio saía adiante.

Como se sentiu ante a pitada da asemblea?
Non fun a disculparme, fun para explicarme, e non me deixaron falar. Iso me doe, porque polo menos hai que escoitar. Entendo o cabreo da xente, porque a min tampouco me gusta o acordo.

O preacordo foi defendido desde UXT Ferrol no seu día.
Si, eu fun defensor del, pero en UXT Ferrol non entendemos que se poña enriba da mesa agora, cando cambiaron tanto as circunstancias. Entón estabamos nun escenario de carga de traballo cero, e agora mudou todo. Temos flotel, temos o BAM, e a empresa xa non pode xustificar tanto recorte. En UXT Ferrol, á parte do mandato da asemblea de traballadores, consideramos que a empresa debeu abrir a mesa de negociación e empezar outra vez.  

Teñen polo tanto, como CCOO, división no seo do sindicato.
Pois si, nós xa sabiamos que o preacordo ía saír adiante, os nosos delegados do sur non cedían e nós tampouco. Xa lle tiñamos comunicado á federación que iamos votar non ao acordo, pasara o que pasara, e despois que iamos firmar a impugnación e a pelexar para que o convenio sexa revocado.

Sentiuse presionado pola federación?
Non, para nada. A federación non me impuxo firmar en ningún momento. Por iso digo, para min o mellor era ir a Madrid.

Como lle sentou que outro ocupase o seu posto e votase si?
Pois mal, e ben, porque el votou dacordo coa súa asemblea, o mesmo que faría eu. En UGT temos tres representantes na comisión negociadora, un do norte, outro de Cartagena e outro do sur. E hai un asesor, o suplente digamos, que é de San Fernando. Eu incluso pedín que non fora...

Precisamente cando tanto se fala das maiorías, cree que aquí se impuxo unha maioría?
Depende como se mire. Cando se votou o preacordo UXT pediu que se fixera por urna, todos deben recordalo. Consideramos que era unha decisión suficientemente importante. Aquí me dixeron que non, que saía o non... Vale, pero é que o que eu pido é para todos os centros. Agora hai quen di que Ferrol ten o 40% da plantilla. Dacordo, pero está o outro 60%. Se se votara en urna habería o 40% daquí máis os votos negativos doutros centros...

E cal pensa que sería o resultado dese reconto?
Pois igual saía o non, porque se en Cartagena tiveron que repetir a asemblea tres veces porque estaba moi igualado pois ao mellor...

Cree que sería máis xusto un traballador, un voto?
Sería máis fiable. Agora temos unha desproporción brutal. Para decisións tan importantes non custa tanto poñer urna.

Como se sente agora cos compañeiros no estaleiro?
Fastidiado, porque non me deixaron falar. Gritáronme “cobarde”, “traidor”... Na asemblea de afiliados me entenderon, pero diante de dous mil traballadores non puiden ni dicir os bos días. Eu quero facer unha reflexión. Cada un ten a responsabilidade acorde á representatividade. Un voto non ía variar o resultado, e eu preocupeime de saber como estaban as cousas. Pero eu me pregunto, catro non variaban? A pregunta que me fago, e que ía facer na asemblea, é se Comisións Obreiras, maioritaria no intercentros, na comisión negociadora e no centro de Ferrol, toma o 8 de xullo a decisión de desautorizar aos membros da comisión negociadora e a empresa anuncia no último consello de administración dese mes que xa ten o consentimento do Goberno, e por tanto convocará en breve, por que non nomeas a outros? Iso non o entendo. Se á empresa non se lle comunican outros novos membros da comisión, a quen chama?

Na súa opinión, as federacións  deben intervir?
Nós pelexamos sempre que foran os centros os que levaran a voz cantante e as federacións só interviran cando houbera un atranco nun convenio. Agora me pregunto, se empezamos a negociación dun novo convenio e á federación non lle interesa o que di Ferrol, desautoriza o que di Ferrol? Nos estamos metendo nun berenxenal, dámoslles tal poder ás federacións que en calquera momento poñen a uns e quitan a outros. Me extraña, que dado que houbo contactos entre a federacións de CCOO e a empresa, non se lle anunciou que ían convocar? Iso non se explicou. Eu ía dar as miñas explicacións á asemblea, pero tamén ía pedir outras.

Este convenio abre a porta a un expediente de regulación en 2015. Pensa que pode presentarse?
Algo nos tememos que si. Pode haber, claro.

Cal é a estratexia agora entón?
O 2 de xullo, por discrepancias, dimite o presidente do comité intercentros, que é Antonio Oliva. Iso métenos nun limbo tremendo. Non houbo ningún contacto, ningunha reunión para ver como imos reorganizar o intercentros. Nós o que pedimos é que recompoñamos filas. Que se nomee presidente do comité e a ser posible que o sindicato maioritario nomee a un de Ferrol, como foi sempre. Porque puxeron a Oliva no intercentros e a Briones no consello de administración, todos do sur. E agora atopámonos con isto, pero quen os puxo ahí? Hai que mirar o plan industrial e temos que empezar a traballar no próximo convenio colectivo.

Pensa que se vai superar o clima de división actual?
Vai depender moito de CCOO. Ten que coller a batuta dunha santa vez.

“Un voto non variaba nada, pero catro si. Por que CCOO non nomeu outros delegados?”