A música en galego foi onte a protagonista nunha nova edición, a vixésimo primeira, do Festival “A mocidade coa lingua”. Tres bandas de outros tantos centros educativos da comarca compartiron escenario co grupo Os Cempés nun concerto ao que asistiron uns 400 estudantes.
A actividade, incluída no convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ferrol e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, ten como obxectivo estimular a capacidade creativa dos rapaces a través de lingua galega e a procura dunha situación de normalidade para esta lingua.
A cita desenvolveuse no pavillón do colexio de Esteiro e comezou arredor das 10.30 horas coas actuacións das formación musicais “Os Toxos Bravos”, do IES Fernando Esquío de Neda; “Rapatios”, do CPI ATios; e “Far Away Place”, do IES Concepción Arenal, que precederon á de Os Cempés. As tres bandas de estudantes foron as seleccionadas logo da fase intercentros coa que ao inicio do curso botou a andar este XXI festival. Cada grupo tivo que interpretar dúas pezas musicais orixinais, das que unha debía ser de autoría propia e outra un poema musicado dun poeta galego.
A edición deste ano contou ademais coa presenza da campaña Gústame, unha actividade de fomento da lingua galega coa que se fará visible o apoio individual de todos os participantes ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversas situacións.
Deste xeito, instalouse un photocall no que os estudantes puideron retratarse cun dos lemas da campaña.