O Concello de As Pontes sacou esta semana a licitación catro obras por un valor de 672.461 euros, que permitirán a execución da mellora de pavimentos e servizos no Poboado da Fraga (5ª Fase), a mellora dos pavimentos e accesibilidade na Avenida de Castelao (segunda Fase), a rehabilitación da Rúa San Xoán, no barrio da Vila, e o acondicionamento das beirarrúas e mellora da accesibilidade na Rúa Saúde e na Rúa Ourense.
Desde o goberno local aseguran que estes traballos, que se acometen con cargo ao POS+ Complementario do ano 2017 e do POS+ 2018, “son esenciais para o desenvolvemento do pobo así como para a mellora da calidade de vida de todos os ponteses e dos servizos que o Concello lle presta ós veciños”. Trátase de “proxectos moi demandados polos veciños e que nos permiten continuar promovendo a seguridade e a accesibilidade no pobo, dándolle máis protagonismo ó peón, apostando pola humanización dos espazos urbanos, mantendo, en todos os casos, a liña estrutural, funcional e estética deseñada para o conxunto do núcleo urbano pontés”, aseguran desde a administración local.
A actuación, que conta cunha maior inversión é a rehabilitación da Rúa San Xoán, no casco vello pontés, dotada cun orzamento de licitación de 218.576 euros, que permitirá a reposición da actual rede de abastecemento e saneamento así como a substitución das canalizacións do alumeado e baixa tensión e a renovación do pavimento da rúa. l