A pasada semana déronse datos oficiais respecto de como está a impactar a pandemia no emprego e na sociedade en xeral na Galiza. Perante o último ano o paro baixou en 3.200 persoas, un dato aparentemente positivo, porén esta imaxe está moi lonxe da realidade. Esta caída debese a que a povoación ocupada retrocedeu en 18.200 persoas, polo que en porcentaxe o desemprego practicamente é o mesmo que hai un ano, só unhas decimas máis, o 11,7% da povoación activa no 4º trimestre de 2020.
Asemade, non se pode obviar que máis de 30 mil persoas están nos ERTEs, polo que non está garantido no futuro que manteñan o emprego.
Polo tanto, o dato positivo do número de persoas en paro é moi relativo, e cómpre tomalo con moitas reservas, máxime cando contrasta coa evolución da povoación residente na nación galega, xa que ao 1 de xullo tiñamos só 2.698.718 habitantes. Uns 3 mil persoas menos que a principios de ano, e case que cen mil menos que no 2010 cando residían na Galiza 2.797.653 habitantes. Un descenso que se dá porque o balance entre natalidade e mortalidade segue a ser moi negativo, mesmo que se pretenda compensar co medre da inmigración.
O recuar do número de habitantes, así como da povoación activa, malia a incorporación masiva (necesaria e xusta) da muller ao emprego asalariado, é sen dúbida un problema de primeiro orde. E reflexa as dúas grandes eivas e trancos da nación galega: o medre da explotación laboral (baixos salarios, precariedade, xornadas e ritmos de traballo extenuantes), e o papel subalterno da economía galega na cadea de valor e na toma de decisións. Daquela que teñamos un saldo negativo en materia de investimento, respecto do capital que se marcha e do que entra, e ao mesmo tempo sexamos grandes exportadores de man de obra cualificada, coa carga económica que implica para o país.
En poucas palabras, todo proxecto de reconstrución, por exemplo para superar os efectos negativos do covid-19, debe ter en consideración non só a enerxía verde e a dixitalización, senón tamén a necesidade de completar os procesos produtivos, fidelizar o consumo na Galiza. Así como: gañar poder económico e político, ampliando e blindando as competencias propias, reforzando a eurorrexión, e contando con forzas a todos os niveis que representen o país sen ningún tipo de dependencias exteriores ou de corporacións. Pódense poñer remendos, sempre será mellor que non facer ren, como aumentar as axudas á natalidade, porén o problema de fondo é de correlación de forzas, de poder, de proxecto, de iniciativa colectiva.