“O señor das dunas” chega a Perlío nun programa de dinamización lingüística

“O señor das dunas” chega a Perlío nun programa de dinamización lingüística
un momento do espectáculo que se poderá ver mañá

Fene acolle mañá unha das función do programa de dinamización lingüística “FalaRedes”. Trátase dunha iniciativa da Secretaría Xeral para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística. No caso de Fene, o espectáculo que se poderá ver mañá, sábado, ás 12.00 horas, no CCRD da parroquia de Perlío é “O Señor das Dunas”. Baseado na literatura oral galega, este contacontos compleméntase coa ilustración en directo do relato feita con area. Os asistentes recibirán como agasallo un libriño cos contos que escoitaron.

A sinopse de “O Señor das Dunas” ten o arrecendo das vellas historias do mar, segundo os organizadores. Así, hai moitos anos, durante unha viaxe intercontinental, un barco naufragou á altura da Costa da Morte. As correntes mariñas arrastraron a un vello bibliotecario, amante da literatura e das historias ben contadas, ata a praia de Corrubedo. Alí comezou a contar contos tradicionais, que acompañaba e enriquecía con debuxos feitos con area… E de Corrubedo ás vilas de Galicia.

O espectáculo “O Señor das Dunas” inclúe cinco contos populares galegos, xunto cun alumno aventaxado que ilustra sobre a area a historia que nos narra a medida que se vai relatando.

 

programa Falaredes

En canto ao programa no que se insire esta actividade teatral, FalaRedes, naceu do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. O seu obxectivo é crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación para promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos. Tamén intenta reforzar o uso do galego entre galegofalantes, proporcionándolles modelos lingüísticos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona. A Rede de Dinamización Lingüística é unha iniciativa impulsada pola Administración autonómica para avanzar na coordinación de actuacións planificadas no marco da Administración local co fin de favorecer a dinamización social e a visibilidade da lingua galega.

 

“O señor das dunas” chega a Perlío nun programa de dinamización lingüística

Te puede interesar