O colexio Cruceiro de Canido pecha o pavillón ata que o Concello o arranxe

O colexio Cruceiro de Canido pecha o pavillón ata que o Concello o arranxe
a auga caída no interior da instalación os días de choiva imposibilita a utilización da mesma

Desde hai meses, o colexio Cruceiro de Canido vén reclamando do Concello de Ferrol a reparación do pavillón deportivo, cuxo deterioro vaise facendo cada vez máis patente debido ás importantes filtracións de auga que se producen cando chove e que inunda derminadas zonas do mesmo. Cando isto ocorre, o espazo “faise impracticable para calquera actividade polo perigo que conleva, pois esvárase nel e temos que velar pola integridade física do noso alumnado”, manifestouse desde o colexio.

A medida foi tomada pola dirección ante os perigos que entraña o estado actual do mesmo

Por isto, e ante e falta de resposta por parte do goberno local, ao que xa se informou do problema en reiteradas ocasións, a directora, Maravillas Beceiro, decidiu pechar desde onte a infraestructura “mentres non sexa arranxada polo Concello”, asegurou.

 

seguridade

Como consecuencia desta medida, adoptada por motivos de seguridade, segundo incidiu Beceiro, veranse afectadas as actividades que diariamente se desenvolven no devandito espazo, como as clases de Educación Física –o centro dispón dun ximnasio que habitualmente é empregado polos cursos de Infantil e os máis pequenos de Primaria, polo que apenas ten ocos libres– e os recreos, nos días de choiva, dos arredor de 400 alumnos que este curso estudan no centro e que cando fai mal tempo teñen no pavillón o espazo axeitado para gozar deste tempo de descanso.

Ademais, desde onte queda tamén suspendida a actividade extrascolar de fútbol que se de-senvolve no marco do programa municipal Educar O Ocio así como aquelas que a partir das seis da tarde ofrecen no pavillón escolar diferentes clubes deportivo da cidade, polo que desde a dirección do Cruceiro de Canido deuse aviso ao Concello para que informaran desta situación ás devanditas entidades.

Segundo explicou a directora do centro educativo, xa no mes de setembro, co inicio do curso escolar, comunicouse á Concellería de Educación a necesidade de reparar o pavillón debido ao deterioro das cubertas e canalóns, o que vén provocando fortes filtracións de auga. En novembro informouse de novo da situación, alertando da imposibilidade de practicar ningunha actividade no espazo os días de choiva. Ese mesmo mes, segundo relatou Beceiro, o centro recibiu a visita da aparelladora, mais o problema continuou sen resolverse.

Deste xeito, e dado que tralas vacacións do Nadal a situación segue igual, a directora comunicou o mércores á concelleira de Educación o peche da instalación ata que sexa arranxada.

Onte, o colexio recibiu de novo a visita da técnica municipal, quen, segundo a directora, informou das previsións do goberno local de limpar os canalóns de todos os CEIPs públicos da cidade e, no caso do Cruceiro de Canido, de iniciar a reparación da cuberta, que ten importantes perforacións. Uns desperfectos que terán que ser solucionados para que o pavillón volva estar operativo. A ANPA do colexio apoia a medida adoptada pola dirección, coa que non descarta desenvolver algún tipo de acción de protesta se non se resolve de forma inmediata o problema.

Desde o Concello de Ferrol informaron que se está a valorar a posibilidade de levar a cabo a reparación dentro da recente adxudicación das obras de reparación de tellados e limpeza de canalóns ou se habería que desenvolver, pola importancia da obra, un novo proxecto.

O colexio Cruceiro de Canido pecha o pavillón ata que o Concello o arranxe

Te puede interesar