San Sadurniño convértese esta semana nun macroplató de rodaxe audiovisual

San Sadurniño convértese esta semana nun macroplató de rodaxe audiovisual
A naronesa Sandra Sánchez impartiu onte o primeiro dos obradoiros desta edición do Chanfaina Lab

“O obxectivo segue a ser o mesmo: o cinema como medio de expresión popular”. Así falaba onte o “chef” de convidados, Manolo González, sobre o Chanfaina Lab, un evento que desde hai un lustro organiza o Concello de San Sadurniño e que xa ten producido nada menos que 125 pezas audiovisuais.


Esta edición, a sexta, durará máis ca ningunha outra anterior: principiou onte e prolongarase ata o vindeiro domingo. Nestas catro primeiras xornadas, ata o vernes, desenvolveranse diferentes obradoiros sobre os rudimentos da produción audiovisual e a fin de semana concentrará a gravación das diferentes pezas participantes, 41 en total.

Ademais, o venres, ás 20.30 horas, terá lugar a Eira de Cineastas, un pase público que escolma fragmentos ou curtas enteiras de cada participante, e o sábado, á mesma hora, proxectarase na Casa da Cultura o documental “Hamada”, de Eloy Domínguez Serén.

Ademais dos realizadores “guiris”, isto é, as e os que proceden de toda Galicia, nesta edición o número de afeccionados locais é o máis alto de todas as celebradas, en concreto, o 73%, dato que, “tendo en conta que na primeira non había ningún”, lembra González, revela a transformación e o éxito desta peculiar proposta cultural.

Catro grupos
Entre profesionais recoñecidos do audiovisual galego atópanse tamén iniciativas rechamantes, como a dun grupo de sete mozos de Naraío que gravarán a segunda parte dunha curta filmada na parroquia hai vinte e cinco anos.


Os 41 participantes nesta edición amosarán nas gravacións realizadas durante a fin de semana o seu particular punto de vista sobre San Sadurniño, a través dos diferentes xéneros: documental, ficción ou experimental, que han de filmarse entre o sábado 7 e o domingo 8 de setembro.

San Sadurniño convértese esta semana nun macroplató de rodaxe audiovisual

Te puede interesar