O CEIP San Xoán fomenta o respecto polos animais co proxecto “A mirada dun can”

O CEIP San Xoán fomenta o respecto polos animais co proxecto “A mirada dun can”
CEIP SAn Juan de Filgueira calendarios

Concienciar á sociedade actual no respecto e na protección dos animais domésticos, asentar valores fundamentais na posesión responsable de mascotas e a análise crítica dos actos e das condutas non desexadas, como o abandono e o maltrato, son os obxectivos principais do programa “Protexe os animais”, encadrado plan Proxecta da Xunta. 

O CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira de Ferrol participa por segundo ano nun proxecto ao que denominou “A mirada dun can” e que, desta volta, materializou nun fermoso calendario en colaboración coa Asociación Cometa, organización preocupada pola situación dos animais na sociedade.

Traballo
Cada unha das clases do centro educativo ferrolá traballou sobre un can ou cadela dos que están na devandita asociación agardando a ser adoptados, que foron simbolicamente apadriñados polos respectivos cursos. Así, ademais de relatar a historia de cada un dos animais e a actividade da protectora, escolleuse este tema para ilustrar os calendarios que cada novo curso edita o colexio.

Xunto aos 200 repartidos entre os rapaces do centro, foron doados outros 50 a Cometa, para a súa venda e así contribuír a recadar fondos para o importante labor que realizan. Tamén no colexio teñen algúns calendarios que poden ser adquiridos por todas aquelas persoas que o desexen.

“O que tratamos é de achegarnos aos animais para trasmitir aos alumnos o respecto, o coidados e a responsabilidade que adquirimos ao ter unha mascota”, sinala a directora do centro, Marián López.

Neste sentido, o centro participa co Concello, tal e como fan tamén outros colexios, no programa de visitas de Casaga, que imparten unha charla e inciden na importancia das adoptacións de animais. Ademais, o ano pasado tomaron parte no programa da Casa Grande de Xanceda, que pasou polo San Xoán co seu programa de educación e sensibilización que ten como protagonista á cadela Malibú.

O vindeiro mes de febreiro, os alumnos de 1º e 2º de Primaria terán oportunidade de coñecer aos cans que dan vida ao calendario –algúns xa foron adoptados– na visita que farán á Asociación Cometa.

O CEIP San Xoán fomenta o respecto polos animais co proxecto “A mirada dun can”

Te puede interesar