O Concello de Narón ten xa todo preparado para celebrar o venres o Día das Letras Galegas. Farao a través do programa “N de Narón, a festa das Letras”, no marco do cal haberá espectáculos para todos os públicos. A Praza da Lectura será o escenario no que, ao longo do día, desenvolveranse as diferentes propostas culturais, todas de carácter gratuíto.
A primeira delas será o espectáculo de maxia do ilusionista Martín Camiña, prevista para as 12.00 horas. Trátase dunha peza centrada na vida de Antonio Fraguas, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, e que leva por título “Antonio... Fraguas unhas ilusións con nós?”.
Ao mediodía, a partir das 13.00 horas, será a quenda para o espectáculo “Os romeiros do caracol”, de Fantoches Baj, baseado no estudo sobre as romarías de Antón Fraguas. A obra céntrase en santuarios como o de San Andrés de Teixido, sobre cuxas peregrinacións, cancións e lendas escribiu Fraguas na obra “Romarías e Santuarios de Galicia”.
A xornada vespertina dará comezo ás 17.30 horas coa montaxe “Nono”, da compañía Pistacatro, na que haberá mimo, marionetas, malabares e clown e na que o humor estará presente de comezo a fin. A continuación, sobre as 18.30 horas, tomará o escenario a música de María Fumaça, coa proposta “As que máis molan”.
Ademais, durante todo o día haberá un espectáculo sensorial dirixido a bebés e titulado “Alfombra máxica”, de Mirari Urruzola. A través dunha alfombra táctil, sonora e olfactiva os nenos e nenas poderán experimentar unha viaxe sensorial e descubrirán múltiples sensacións a través dos sentidos.
Por outra banda, o espazo Garabatos ofrecerá todo tipo de xogos mentres que no Espaco Percubebé celebrarase un obradoiro musical.