Antonio Fraga publica “Xildas” no novo selo infantil Sushi Books

Antonio Fraga publica “Xildas”  no novo selo infantil Sushi Books
Antonio Fraga, no paseo marítimo de Pontedeume j. meis

O escritor eumés Antonio Manuel Fraga Allegue saca á luz a súa primeira obra para público infantil, “Xildas”, que edita o novo selo Sushi Books, lanzado por Rinoceronte Editora. Esta mesma semana estará xa dispoñible nas librerías esta aventura que o autor, gañador do último Premio Merlín con “O castañeiro de abril”, escribiu como agasallo de benvida para a súa sobriña. Foi o motor, como el mesmo explica, que o animou a escribir pensando nos nenos e, a partir de aí, seguiu por esa liña que tantas boas novas lle deu, xa que o seu segundo libro gañou o prestixioso premio de Xerais e publicarase tamén nas vindeiras semanas.
“Xildas” transcorre nunha pequena vila cun río que desemboca no mar, inspirada no propio Pontedeume e nas vivencias de infancia do autor en Nogueirosa, ó pé do castelo de Andrade. Está protagonizada por unha nena, Catuxa, e os seus compañeiros Ulises, Uxía e Vicente. Forman unha tropa chea de curiosidade que atopa nunha calella da vila a un trasno que non é quen de regresar á fraga da que procede.
“Quería contar unha historia pequena que despois foi medrando e quería situala nunha vila mariñeira e os seus arredores, onde eu me criei”, explica Antonio Fraga, na actualidade afincado no barrio de Monte Alto, na Coruña.
A idea inicial era presentar a un personaxe máxico, neste caso un trasno, que tivera problemas e que fose axudado por uns nenos de carne e óso. “Pretendo que sexan o máis realistas posibles e non os arquetipos de nenos perfectos. Catuxa é moi fedella e moi inquieta, gústalle xogar ó futbol e non saltar á corda ou as bonecas. A súa amiga é moi lercha, unha nena de constitución forte que aínda non pegou o estirón, como ela mesma di, e outro neno ten unha minusvalía nun brazo”, comenta Fraga respecto dos rapaces. “Fuxín do tópico de familia feliz porque creo que se asemella máis á realidade”.
Hai tamén humor nesta historia, un recurso que foi saíndo só “e ó que non lle puxen cancelas”.
Antonio Fraga, que se confesa debedor dos contos que lle contaba a súa madriña Carmen, segue na actualidade a escribir para os máis novos, aínda que agora está embarcado nun proxecto que se dirixe máis ben cara a un lector adolescente.
Nas vindeiras semanas publicarase “O castañeiro de abril”, texto co que gañou o premio de literatura infantil e xuvenil de Xerais, e tamén se traducirá ó castelán, catalán e éuscaro o seu “Xildas”.

Antonio Fraga publica “Xildas” no novo selo infantil Sushi Books

Te puede interesar