Vodas de prata para a festa de exaltación do requeixo na Capela

Vodas de prata para a festa de exaltación do requeixo na Capela
festa do requeixo a capela

Un día un tanto sombrío quixo “augar” a XXV edición da Festa do Requeixo, pero non foi tal. Aínda que non houbo a afluencia de xente doutras edicións, porque o tempo é determinante neste tipo de festas, finalmente nenos e maiores gozaron dunha nova festa de exaltación deste produto lácteo que ten gran pulo no concello da Capela e no resto da comarca. Deste suculento manxar deron conta onte moreas de veciños e visitantes que se achegaron ata o campo da festa das Neves para voltar a loubar a calidade do requeixo que elaboran na cooperativa Campo Capela. Compre salientar que a organización puxo a disposición dos visitantes nada menos que 7.000 racións de produto.
O alcalde da localidade, Manuel Meizoso, lamentaba ter iniciado o día con algo de babuxa. “O tempo é fundamental para que a xente se anime a participar neste tipo de celebracións”, explicaba o rexedor socialista. Afortunadamente a tarde foi a mellor e moitos foron os que se achegaron ata o recinto para ver as novidades deste ano e degustar as tapas e racións de requeixo. Manuel Meizoso xa animaba días atrás as persoas que non coñecían a festa aínda, xa que estaba seguro de que os que a coñecían doutras edicións non ían faltar a esta. De feito, a deste ano incorpora entre as novidades máis destacadas a posibilidade de probar queixos e requeixos feitos noutros puntos de Galicia, algo que, segundo o rexedor municipal, gustou moito á xente. A idea de ampliar a gama de produtos é debido a que nesta ocasión, a petición de Campo Capela, elaboradores de toda Galicia decidiron amosar as súas creacións na Capela e aproveitar a ocasión para achegar posturas de cara a a posible creacións dunha asociación que aglutine a todos os produtores de Galicia.
Cuestións como esta, explicaba o alcalde da localidade, fan que unha festa que leva xa 25 anos celebrándose siga medrando e gañando enteiros de cara a cumprise ese gran desexo de acadar o distintivo de Festa de Interese Galego, o que redundaría nun maior pulo ao requeixo.
Outra das cuestións que preocupan tamén tanto ao goberno  local como a cooperativa Campo Capela é o recoñecemento do Requeixo como un produto con nome e identidade propia de cara a poder comercializarse, que por fin conte coa sua propia denominación como pasa con moitos queixos de Galicia. Un dos requisitos que esixe a Xunta para acadar este tipo de distinción é que se demostre a presencia e o consumo habitual deste produto desde longo tempo. Aínda que desde a cooperativa da Capela xa se presentaron estudos ao respecto non houbo ningunha novidade sobre o asunto. Tanto o Concello como a unión de produtores seguirán pelexando duro por acadar esa distinción.

Festa de interese
A formación floklórica Leilía puxo o broche final a unha festa na que non faltou de nada: mostra de requeixos e queixos galegos, exposición de maquinaria agrícola e artesanía, talleres de alfarería, xogos tradicionais e as actuacións de Xacarandaina, a banda de gaitas Alfaia, Airiños da Capela e Jintonic Song.

Vodas de prata para a festa de exaltación do requeixo na Capela

Te puede interesar