Unha trintena de nenos das dúas escolas unitarias que quedan en Pontedeume (Boebre e Ombre) acudiron onte á biblioteca municipal para asistir a unha das sesións de animación á lectura que se realizaron este curso.
En total, segundo os datos facilitados polo bibliotecario, Alexandre Caínzos, pasaron polo edificio da antiga Cátedra de Latinidade 369 nenos de entre catro e nove anos, pertencentes ós colexios Couceiro Freijomil, ATocha, Luis Vives, Andrade e ás unitarias.
Nestes encontros, que comezaron o 11 de xaneiro e que levan realizándose 24 anos, os rapaces coñecen as instalacións e ó persoal que as atende, e aprenden a utilizalas. Noutros casos recórdaselles o funcionamento. Despois proxéctase un conto audiovisual montado na propia biblioteca.