Lorena Pita | “O noso portal busca ofrecer recursos máis divertidos para aprender”

Lorena Pita | “O noso portal busca ofrecer recursos máis divertidos para aprender”
Lorenta Pita é mestra en Infantil e directora do CEIP Plurilingüe Os Casais, de Fene

Non pretenden, nin moito menos, substituír as indicacións educativas do profesorado ao seu alumnado na actual crise sanitaria do coronavirus. O obxectivo do portal educativo Aulas Galegas, nacido a raíz da obrigada situación de illamento da poboación, é outro: axudar ao alumnado, ás familias e ao resto dos docentes a atopar recursos e materiais educativos en galego.

Realizado por profesionais da docencia de toda a comunidade galega, a coordinación da sección dedicada á etapa Infantil recae en dúas mestras da comarca de Ferrolterra. Lorena Pita, directora do CEIP Plurilingüe Os Casais de Fene, e Cristina Rodríguez Alejos, que ata o inicio desta crise desenvolvía o seu labor na Escola Infantil Municipal das Lagoas, en Mugardos, traballan desde os seus fogares –as dúas viven en Narón– para achegar o seu gran de area a esta importante fonte de recursos que, sen dúbica, suma, e moito, ao panorama educativo galego.

Como xurde esta iniciativa?

Xurde dun grupo de mestres galegos que vemos a necesidade de crear unha plataforma con recursos en galego para dar ideas tanto ás familias como a outros mestres e ao alumnado neste momento de crise, sobre todo porque vemos que hai moitos contidos en castelán pero en en galego non tantos como desexamos.

Que podemos atopar nesta plataforma?

Pódese atopar de todo, desde recursos de Infantil, Primaria e Secundaria, xogos, enredos, propostas de animación de lectura ou tamén recursos para os nosos maiores. Digamos que quixemos artellar e achegar a case todos os niveis da familia. A dos maiores é tamén unha parte moi importante porque hai moita xente que non os pode levar a residencias de anciáns. Quixemos pois tocar un pouco de todo. Cada día vai medrando un pouco máis todo isto, cada día hai máis colaboradores e tamén intentamos cada día incluír seccións novas.

 

Canta xente está implicada no proxecto?

Un montón. Coordinando estamos entre 20 e 30 persoas pero logo colaborando por detrás e creando materiais moitas máis. Só na sección de Infantil, que coordinamos eu e outra compañeira, debemos estar unhas trinta persoas colaborando, e así nas diferentes seccións da páxina. Somos moitos profes os que estamos contribuíndo ao proxecto.

Como está a responder a xente á iniciativa?

Pois a verdade é que moi ben, estamos sorprendidísimos porque tivo unha resposta estupenda, ou polo menos así o estamos a ver nas redes sociais, onde nos dan as grazas e a noraboa polo traballo que estamos a desenvolver. Pensamos que está a ter moi boa acollida tanto para as familias como para o resto do profesorado.

Desde a súa posición de mestra como cre que debemos encarar a situación actual desde o pundo de vista académico?

Eu penso que hai que encarala con tranquilidade. Nos estamos volvendo un pouco tolos con isto de facer tarefas e da docencia online. Penso que este é un momento excepcional, no que non temos que agobiarnos e donde non debemos facer que a ensinanza online faga que os nenos estean cinco horas diante do ordenador facendo tarefas, senón todo o contrario. Nesta plataforma damos cousas para escoller, non se trata de estar sentados facendo fichas todo o tempo, que estou segura que todo o mundo o fai con toda a mellor vontade, porque esta é unha situación que non quixeramos estar vivindo, que a todos nos sobrepasa, e que cada un responde como sabe e como pode. Entón nós buscamos outra visión, buscamos ofrecer recursos máis divertidos, máis de movemento, de ir aprendendo a través das tecnoloxías, pero doutro xeito. Hai familias que non teñen os recursos para acceder a estas plataformas online, porque non chegamos a todos por moito que queiramos, non estabamos preparados para esta situación. Temos moitas ferramentas, pero non depende xa só de nós, senón de que as propias familias non dispoñen dos recursos para acceder; entón nese aspecto é un pouco complicado.

Que mensaxe achegaría ás familias?

Pois que este é un momento excepcional do que temos que aprender moito, que é necesario facer tribo, conectar cos nosos fillos, coa nosa familia, e coñecernos. Aproveitar todo este tempo que cando traballabamos non tiñamos para estar cos nenos, xogar con eles, crear vínculos e aproveitar estes momentos para coñecernos un pouco máis. l

Lorena Pita | “O noso portal busca ofrecer recursos máis divertidos para aprender”

Te puede interesar