Uns 50 estudantes da cidade ferrolá tomarán parte no II Club de Debate

Uns 50 estudantes da cidade ferrolá tomarán parte no II Club de Debate
imaxe de arquivo correspondente á primeira edición do club de debate en marzo do pasado ano jorge meis

O Concello de Ferrol participará, por segundo ano consecutivo, no II Club de Debate, unha iniciativa desenvolvida a nivel galego e no que este ano se implicarán uns dez concellos. A actividade ten como finalidade promover o uso oral da lingua galega entre o estudantado a través da celebración de debates.

Os gañadores das respectivas fases locais representarán á súa zona no envite final previsto para o vindeiro 4 de maio en Santiago de Compostela. Na cidade ferrolá loitarán por este obxectivo un total de seis equipos pertencentes a tres centros educativos: IES Leixa, que inscribiu a tres equipos de alumnos de 1º de Bacharelato (dous de seis integrantes e outro de 10), o IES Saturnino Montojo, que competirá cun grupo formado por 7 de alumnos de 4º de ESO, e a Compañía de María, que contará con dúas formacións de 10 estudantes cada unha (tamén do nivel de 4º de Secundaria).

IES Leixa, Saturnino Montojo e Compañía de María buscarán a clasificación para a final galega

Tal e como se informou desde o departamento de Normalización Lingüística do Concello ferrolán, a fase local terá lugar o vindeiro 6 de abril, nunha sede aínda por concretar.

Tamén nos vindeiros días decidirase o tema sobre o que os alumnos ferroláns terán que debatir, unha elección que farán de xeito conxunto os técnicos de Normalización Lingüística do consistorio local –área desde a que se organiza a iniciativa– e os profesores que acompañarán a cada un dos grupos participantes.

A fase local, a celebrar o 6 de abril, será clasificatoria para a autonómica do vindeiro 4 de maio

O que si xa coñecen todos os alumnos que este ano van tomar parte no Club de Debate é o tema da fase final autonómica: “O galego é unha oportunidade”, premisa a partir da cal terán que defender a posición a favor ou en contra.

 

convenio

O pasado mes de novembro, os representantes dos dez concellos participantes nesta edición –Ferrol, Ames, Carballo, Cee, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo–asistiron na cidade compostelá á sinatura do convenio polo que se dá continuidade a unha inicitiva xurdida ao abeiro do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Xunta e grazas ao pulo dos equipos de normalización dos diferentes municipios.

O obxectivo é impulsar o uso da lingua galega cunha “visión moderna, afable e útil, reforzando a súa estima, tal e como se salientou desde a organización.

Pero ademais, o Club de Debate implica un intenso traballo previo de documentación por parte dos alumnos, que, xunto cos seus profesores, terán que preparar tanto a posición a favor como en contra do tema elixido para o debate, xa que non será ata os instantes previos á celebración do mesmo cando saiban que postura terán que defender e argumentar.

Xunto ao de Ferrol, outros nove concellos galegos participan este ano na iniciativa

Nesta fase de preparación ofreceráselles así mesmo un curso de formación no que se lles achegarán as normas así como os esquemas dos debates, realizando tamén exercicios prácticos sobre habilidades comunicativas. O mesmo terá catro horas de duración.

 

participación

A competición local prevista para o día 6 de abril celebrarase en horario de mañá e tarde polo que ese día todos os alumnos e profesores participantes compartirán, ademais da propia actividade de oratoria, un xantar común. Desde o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol salientouse o incremento de participación nesta segunda edición.

A diferencia do ano pasado, no que tamén participou o Concello de As Pontes, este ano o de Ferrol será o único representante da comarca de Ferrolterra no Club de Debate.

Por outra banda, outra das actividades de fomento do uso do galego entre os escolares que o Concello promove neste caso en colaboración coa Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e o certame Poesía e Imaxe, que neste momento atópase na fase de recollida de textos a partir dos cales se farán os traballos creativos.

 

Uns 50 estudantes da cidade ferrolá tomarán parte no II Club de Debate

Te puede interesar