No propio ano do seu centenario, o Real Coro “Toxos e Froles” continúa coa súa programación habitual. Así, o próximo mes celebra unha nova edición do seu prestixioso concurso de cuartetos, que xa vai pola súa cuarta edición. Este evento non parou de medrar tanto en número de representantes como na calidade dos mesmos, convertido xa nun dos referentes da música tradicional da bisbarra ferrolá.
Nesta edición, o cuarteto gañador será obsequiado cun premio en metálico de 1.200 euros e, asemade, todos os participantes contarán coa axuda de 50 euros en concepto de gastos de desprazamento. A data límite para presentarse a este concurso remata o vindeiro venres día 20 de febreiro, e a celebración do mesmo será o sábado día 28 de febreiro ás 20.30, no primeiro andar da sede do Real Coro Toxos e Froles, na rúa Magdalena 220. As inscricións deberán ser remitidas a: info@toxosefroles.com, mentres que todas as condicións para o concurso poden consultarse na páxina web do Real Coro, www.toxosefroles.com.
Entre as características do certame destaca que os cuartetos estarán conformados por dúas gaitas, tambor e bombo. A actuación dos cuartetos terá unha duración mínima de 5 minutos e máxima de 6 minutos. Haberá que interpretar obrigatoriamente un ritmo de muiñeira ou xota, quedando á elección dos músicos a mostra doutras melodías.As pezas a interpretar deberán ser tradicionais ou populares. O xurado valorará a afinación, o emprego de dixitacións galegas, ornamentación, recursos interpretativos, dificultade das pezas, estética e o empaste entre os instrumentistas.
Desde o Toxos sinalan: “Animamos a todas as formacións da comarca e de toda Galicia a que se presenten a este certame que achega prestixio e recoñecemento continúa a ser o referente fundamental na conservación e difusión da música tradicional en Ferrol. Un labor importante que vén exercendo dende hai xa máis de cen anos e que segue a desenvolver con forzas renovadas. Mediante este concurso busca amosar o traballo destas formacións populares de toda Galicia, que cada vez se esforzan máis por achegar novas formas e melodías ao repertorio da nosa música tradicional”.