Os callos triunfan nunha xornada para a lembranza

|

San Xoán de Piñeiro, en Mugardos, celebrou onte a sexta edición da súa Festa dos Callos, na que este contundente e sabroso manxar se serve como cea. Pero foi unha xornada que comezou xa pola mañá e que tivo tamén un espazo para a lembranza dun veciño, Leonardo Freijomil Bellón (Freixo), habitual colaborador de El Ideal Gallego.
O programa deseñado pola asociación veciñal, coa colaboración da Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva e o Concello, comenzou ás doce do mediodía coa apertura do toldo no campo da festa, no que se podían degustar bebidas e pinchos.
Pola tarde celebrouse o acto en lembranza de Freixo, a partir das catro. Nel participaron Siro López e Alfonso Couce Doce. Ademais foi o último día para visitar unha exposición fotográfica na Sociedade Cultural. O acto rematou cunha ofrenda floral.
O apartado gastronómico, dedicado ós callos e coas racións a  prezos populares, comezou a partir das oito da tarde e incluía tamén bola de azucre e queimada. A música correu por conta do grupo folk Estimaba que Viñeras, formado precisamente en San Xoán de Piñeiro.
Para completar os atractivos desta xornada, na que o tempo acompañou case en exceso, tamén houbo nesta parroquia mugardesa unha concentración de motocicletas clásicas.

Os callos triunfan nunha xornada para a lembranza